Análise

Corrixir o rumbo

A `profesora de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Mª Regueiro Ferreira analiza para 'Nós Diario' analiza as enfermidades económicas do século XXI.
De nada serve definir metas e obxectivos se non se materializan en accións concretas e útiles para mudar inercias (Foto: Álex Rozados).
photo_camera De nada serve definir metas e obxectivos se non se materializan en accións concretas e útiles para mudar inercias. (Ilustración: Álex Rozados)

Poucos días quedan xa para que remate este ano peculiar e contundente, tanto por méritos propios como por feitos estruturais e coxunturais herdados do pasado. A veces semella que estamos vivindo durmidos nunha mentira continua, que a economía mundial tende a moverse nunha espiral destrutiva, pois cando semella poder superar unha crise, que se aprenderon dos erros e se pode mudar cara un novo camiño… vólvese case ó comezo. Certo é que na economía se alternan ciclos de crecemento con ciclos de recesión, pero iso non implica desatender as leccións recibidas perpetuando pautas non eficientes. 

"Mudar ou perecer". Foi o realista e alarmante titular que destacou a recente Cimeira do Clima en Exipto. Noutras palabras, as enfermidades económicas do século XXI demandan tratamentos propios do século XXI. De nada serve definir metas, obxectivos, se non se materializan en accións concretas e útiles para mudar inercias. Sobran propostas que referir, como os Obxectivos do Milenio, substituídos pola Axenda 2030 e os Obxectivos do Desenvolvemento Sostible, cun fin común: reducir a pobreza, a desigualdade, nun entorno sostible e accesible para toda a sociedade.

Neste senso, o Banco Mundial, na nova edición do informe La pobreza y la prosperidad compartida, reflicte que para o ano 2030 perto de 600 millóns de persoas deberán vivir cunha asignación diaria inferior á dous euros e vinte céntimos aproximadamente. Ademais, estima que a pandemia da Covid provocou que sobre setenta millóns de persoas estivesen en pobreza extrema e que a finais de 2020 setecentos dezanove millóns de persoas vivisen cunha renda diaria pouco superior a dous euros. A guerra en Ucraína e demais conflitos bélicos, empeoraron a situación.

Aumentou a desigualdade, xa que o maior coste da pandemia foi soportado pola poboación máis pobre, en particular, polos sectores que están no 40% máis baixo da distribución, que tiveron unha perda de ingresos promedio do 4%, que equivale ao dobre do 20% máis rico. A situación tería sido moito peor se non se aplicasen medidas de urxencia, como as fiscais. A súa eficacia foi máis contundente nos países mais ricos e desenvolvidos, que dispoñían de máis recursos e máis puideron gastar. Mais, a pobreza e a desigualdade tamén avanzaron nos chamados "países adiantados".

As enfermidades económicas do século XXI demandan tratamentos propios deste século

Na portada deste informe aparece o lema "corrixir o rumbo", palabras que resoan con forza en cada páxina. En si, implica/esixe/demanda pasar dun sistema con resultados sombríos a unha alternativa de esperanza na que ningunha persoa estea predestinada a unha insuficiente calidade de vida por nacer e/ou vivir nunha localización xeográfica ou noutra. Coincidencia ou non, este reclamo é unha das premisas básicas da Axenda 2030 e dos obxectivos do desenvolvemento sostible.

O mesmo reclamo está na edición 2020 do Informe Mundial de las Naciones Unidas sobre el Desarrollo de los Recursos Hídricos 2020: Agua y Cambio Climático da Unesco. Afonda nos problemas que o cambio climático provoca sobre a dispoñibilidade de auga.

Os datos son arrepiantes: na actualidade, perto de 2.200 millóns de persoas non teñen acceso a auga potable e sobre 4.200 millóns carecen de sistemas de saneamento seguros. No ano 2020, só o 74% da poboación mundial podía utilizar servizos de auga potable xestionados de forma segura. Está relacionado con outro dos obxectivos do desenvolvemento sostible, o 6, que ten por meta o acceso a auga limpa e ao saneamento na próxima década. 

Xa se dixo tantas veces, que é necesario repetir: modificar esta situación require dunha batería de actuacións diversas e dispares, a nivel internacional, de cada país, de corporacións e individuais, primando medidas activas efectivas para reducir a desigualdade, a vulnerabilidade e a pobreza (en todas as súas formas), primando inversións de alta rendibilidade en educación, investigación, innovación e desenvolvemento. 

Non hai tempo nin éxito se se segue excluíndo da ecuación unha parte da poboación e esgotando recursos esenciais, case ata desaparecer, e concentrando cada vez máis os recursos en menos persoas, porque o crecemento económico infinito será utopía. Ningún interese económico pode estar por riba da vida, e ningunha economía é posible se non se respectan os límites dos ecosistemas e se atenden as necesidades do planeta.

Comentarios