Desde a fin da cota láctea tiveron que fechar mil granxas galegas

En apenas ano e medio desapareceu unha de cada dez explotacións leiteiras no noso país. Os prezos, embora a recuperación nestes últimos meses, mantéñense por baixo que naquela altura.

Produción leiteira

En marzo de 2015, hai 22 meses, entraba en vigor a fin de cota láctea. Había daquela en Galiza 9.528 explotacións leiteiras e os anuncios e promesas institucionais auguraban que a liberalización do mercado ía provocar maior competitividade e , xa que logo, un aumento dos prezos que se pagaban aos produtores polo leite. Daquela, en marzo de 2015, a media que se lle pagaba a un gandeiro galego por litro de leite superaba os 30 céntimos. Era, exactamente, 30,3 céntimos.

Desde entón, e ao longo destes meses, en Galiza non pararon de se suceder os fechamentos de explotacións. Desde aquel marzo de 2015 até novembro de 2016 (último mes computado no FEGA, Fondo español de garantía alimentar) desapareceron 978 granxas leiteiras. Dise rápido. Case mil explotacións medias: 11 desaparecían cada semana ao longo deste tempo.

A fin de cota láctea non trouxo mellores prezos, mais ben ao contrario. No primeiro ano sen esta cota desapareceron 534 explotacións.  Desde entón, marzo, e até novembro, 440 máis. Nos últimos meses, e como se recolle nos informes mensuais que publica Fega, deuse un repunte dos prezos, se ben estes continúan a estar por baixo do que se pagaba daquela, nos últimos meses en que se mantiña a cota láctea.

Desde ese mes de marzo de 2015 até finais de 2016 o número de explotacións que desapareceron no conxunto do estado español foi de 1.487. As granxas galegas supoñen, así pois, o 66% de todas as que tiveron que fechar durante este tempo no conxunto do estado.

Comentarios