Inditex eludiu 585 millóns de euros en impostos

Unha investigación do grupo parlamentar europeo dos Verdes /ALE aponta a que a enxeñeiría fiscal do grupo empregou filiais en Irlanda, Holanda e Suíza para transferir beneficios. Inditex afirma que o informe parte de "premiosas erradas" e di que "cumpre escrupulosamente" coa normativa fiscal.

Inditex
photo_camera Inditex

O xigante téxtil Inditex tería eludido pagar 585 millóns de euros en impostos entre os anos 2011 e o 2014 a través dunha complexa enxeñeiría fiscal, segundo un informe presentado polo grupo dos Verdes/ALE no Parlamento europeo. A investigación indica que a empresa de Amancio Ortega empregou filiais en Irlanda, Suíza ou Holanda para pagar menos impostos sobre os seus beneficios europeos.

O estudo advirte que o Estado español perdeu no mínimo 218 millóns de euros en impostos porque Inditex contabiliza parte dos ingresos por 'rotyalties' en Holanda, onde só tributan un 15%, 15 puntos menos que no Estado español, onde é o 30%. Nesta investigación indícase que a filial holandesa de Inditex tivo uns ingresos de 3.700 millóns de euros entre o 2011 e o 2015, cuns beneficios de 1.700 millóns embora só ter 203 traballadores.

Segundo a investigación, non só o Estado español perde de ingresar nas arcas públicas impostos con este entramado. Tamén Alemaña (25 millóns de euros), Italia (57 millóns), Francia (76 millóns de euros) ou Reuno Unido (22 millóns de libras).

En Irlanda, Inditex ten filiais adicadas principalmente ás actividades financeiras do grupo, con empréstitos entre compañías e seguros, así como a filial de comercio electrónico. Todas rexistran "grandes beneficios", segundo a investigación, que só se taxan nun 12,5% ou son libres de impostos no caso das ganancias de capital.

Finalmente, o informe indica que unha das principais empresas do grupo Inditex está en Suíza, desde onde mercan prendas de ropa a prezos baratos de produtores de Bangladesh, Turquía ou Marrocos. A empresa, cuns recursos de 1.400 millóns de euros en 2014, tributaba para os beneficios un 7,8%, afirma esta investigación.

Resposta de Inidtex

Inditex emitiu esta quinta feira un comunicado en resposta a ese estudio, comunicado no que di que o informe dos Verdes/ALE parte de premisas erradas que lle levan a facer conclusións erróneas.O grupo afirma que "cumpre escrupulosamente coa normativa fiscal nos 93 mercados nos que estamos presentes" e di que a taxa fiscal de Inditex no período 2011 a 2015 situouse entre o 22 e o 24%, consecuencia de niveis de imposición diferentes nas diversas xurisdicións nas que desenvolven a súa actividade. No estado español é do 25%

Entre 2011 e 2015, Inditex contribuíu ao imposto de sociedades dos países nos que está con máis de 4.400 millóns de euros, segundo o comunicado. 

"Que sexa legal non quer dicir que sexa xusto"

Os eurodeputados Ernest Urtasun e Ernest Maragall, do grupo Verdes/ALE, entenden que as prácticas de Inditex que lle permitiron evadir 585 millóns de euros son inaceptábeis embora que estean dentro da normativa. "O feito de que sexa legal nestes momentos non quer dicir que sexa xusto e tampouco quer dicir que a Unión Europea non teña que facer leis para cambiar iso".

En declaracións a Europa Press, Ana Miranda, portavoz do BNG en Bruxelas, afirma que a falla dunha "harmonización fiscal" a nivel de UE evidencia que as grandes empresas poden eludir impostos.  Para a nacionalista, o documento presentada "amosa que se crean unha serie de estruturas para ter ventaxes e non pagar impostos onde tiñan que pagalos, neste caso, no estado español". 

Comentarios