banca, pastor, popular, emprego

Máis de 500 postos de traballo en perigo no Pastor e Popular

Concentracións de traballadores denuncian o “oscurantismo” co que as cúpulas de ambas entidades están a levar a cabo o proceso de absorción.

Delegados e delegadas da CIG no Banco Pastor e o Banco Popular iniciaron esta semana un novo calendario de concentracións para denunciar o escurantismo co que as cúpulas de ambas entidades están a levar a cabo o proceso de absorción. A central nacionalista lamenta que logo de seis meses do anuncio da medida, “o persoal descoñece cal vai ser o seu futuro laboral, en que condicións realizará o seu traballo ou mesmo se se van producir despedimentos e en que contía”.

 “Queremos negociar colectivamente as condicións laborais e económicas de todos os traballadores/as do Banco Pastor e o Banco Popular, defender os postos de traballo en Galiza e coñecer onde van recolocar ao persoal das oficinas que pechan”, reivindicou a secretaria da Sección Sindical da CIG no Banco Pastor, Gladys Afonso-

 Afonso denunciou que están en risco arredor de 500 empregos nos Sevizos Centrais, unha vez finalizado o proceso de prexubilacións que afectou a 349 persoas do Pastor (unhas 150 destinadas en Servizos Centrais) e a 40 do Popular. A este número habería que engadir, lembran desde a CIG, o excedente de persoal xerado polo proceso de fusión e peche de oficinas que terá lugar nos vindeiros meses. Até o momento xa se unificaron dúas oficinas na Coruña e outras dúas en Arzúa e están previstos peches en Pontedeume, Quiroga, O Temple e Ordes, aínda que previsibelmente o proceso afecte a un número maior de sucursais.

Tampouco corren mellor sorte os máis de 300 empregados e empregadas das empresas do Grupo Pastor (Universal Support, Pastor Servizos Financeiros, GTE, etc.), xa que as direccións aínda non aclararon que intencións teñen con estas filiais.

Comentarios