As notas musicais da campaña

Forman parte do chamamento sonoro a participar nas eleccións e a dirixir o voto a cadansúa ideoloxía. A música que escoitaremos estes días en cidades, vilas e aldeas apunta o sentimento e a razoar de xeito acústico para que @s votantes entendan a mensaxe que transmiten.

A música de campaña é algo máis que música. Hai diferenzas ben claras entre as formacións que se presentan cunha estrutura central en Madrid das cales son propias do país. As primeiras apostan pola produción de encargo realizadas por compositores especializados en música para televisión ou de grandes campañas publicitarias. As segundas cren na música de autor con raigames na terra, entre o folk e a contemporaneidade. A día de hoxe non todas as candidaturas decidiron aínda cal será a súa música de campaña, como é o caso da Alternativa Galega de Esquerda.

A xente do BNG
A música que identifica ao BNG é a canción “Xente” que abre o cuarto traballo discográfico do grupo Berrogüetto titulado “10.0” con dez temas de celebración do seu décimo aniversario. O album recibiu varios premios como o da Asociación da Crítica Alemá do Disco ao Mellor Disco de World Music en 2007 e foi finalista nos Premios da Música da Academia das Artes e Ciencias da Música como Mellor Álbum en Galego en 2006. A canción escollida está escrita por Guadi Galego e Guillermo Fernández, inspirada nunha letra de Manolo Maseda.

PP e marketing
O Partido Popular de Galiza contará como noutras ocasións co mesmo himno que empregan en Madrid desde 1989. Conta con 24 versións: piano, violín, sinfónica e mesmo “bakalao”. A peza é do asturiano Manuel Pacho, un músico e publicista especializado en melodías corporativas de grandes empresas. Da súa empresa Wiwi Music xurdiron moitas creacións, entre as máis coñecidas están numerosos traballos para uns grandes almacéns e a da propia CEOE. Tamén traballou en bandas sonoras de series de televisión como “Platos Rotos” , “Hermanos de Leche” , “Mis bodas reales” e “Los músicos de Bremen”. Unha curiosidade: o concello de Compostela conta desde 2005 cunha obra de Manuel Pacho como música “oficial” que acompaña as mensaxes municipais. Segundo afirmou nunha entrevista realizada hai uns anos unha composición súa por encargo pode ter un custe de entre 10.000 e 30.000 euros.

Música de televisión para o PSOE
A opción de PSdeG-PSOE é contar coa peza musical que emprega o PSOE a nivel estatal. Realizouna en 1981 un profesional con anos de traballo no mundo da composición, o músico Julio Mengod. O himno que resultou deste fillo e neto de Gardas Civís ten moito do seu medio natural: a televisión. Mengod é funcionario en TVE, onde realizou numerosos traballos para programas como Los Chiripitifláuticos (1966), Más vale prevenir (1979), A vista de pájaro (1989) e Quién sabe dónde (1991). A súa música foi tamén a escollida para celebraro 75º aniversario da D.O. de Cariñena. Tamén dirixiu orquestras en festivais da canción como o de Benidorm e a OTI.

Estrea de CXG
A música escollida por Compromiso por Galicia (CXG) para estas as súas primeiras eleccións é a do músico, compositor e cantante, Roi Casal, até hai moi pouco membro do grupo Milladoiro e agora cunha carreira en solitario. A peza denomínase “Vai alborexar” e forma parte do seu terceiro traballo discográfico. A voz é de Silvia Ferre e a gaita do seu pai, Nando Casal

Comentarios