Feijóo afía as unllas en (pre)campaña

O ainda presidente da Xunta de Galiza espeta nun acto en Ribeira "hoxe Galiza paga e Catalunya pide". Núñez Feijóo asevera que as contas públicas galegas están "saneadas" e di que a débeda é menor á de 2009.

Alberto Núñez Feijóo aseguraba esta cuarta nun acto desenvolvido no Concello de Ribeira que Galiza é a "comunidade máis solvente de España" mais a oposición critica con dureza a súa xestión ao longo dunha lexislatura na que din, Galiza é o territorio con máis desemprego, menos servizos públicos e máis persoas sen ingresos.

O aínda presidente da Xunta, afíou as unllas no que xa é tempo de precampaña e atacou con dureza o anuncio do president da Generalitat de Catalunya, Artur Mas, ao asegurar que Catalunya se acollería ao fondo de rescate. Fronte á situación catalana Núñez Feijóo erixiu o saneamento das contas públicas galegas como "o maior garante de autogoberno", mais os grupos da oposición aseguran que a débeda pública galega se triplicou desde o comezo da lexislatura.

Preguntado pol@s xornalistas a respecto de se o posíbel rescate á economía española, estiver entre as motivacións do adianto electoral, Núñez Feijóo botou balóns fóra e recuncou na idea de que ao longo do seu mandato Galiza reducira a contía da débeda.

Comentarios