Feijóo, o candidato abafado polas consecuencias do seu goberno

O PP proclamou este sábado o seu candidato á Xunta sen máis presencia de Madrid que a titular de Fomento, Ana Pastor. Cargou duramente contra BNG, PSOE e Alternativa galega, a coalición recén asinada entre Anova e EU. Nos discursos pronunciados chegaron a comparalo con Fraga e con Castelao, e Feijóo non se fixo de rogar: "A un sempre se lle contaxia o de Fraga". De seguido, analizamos neste artigo os tres anos de lexislatura que, en pouco máis dun mes, o aínda presidente tratará de emendar 

A poucas semanas de comezar a campaña electoral, as forzas políticas comezan a definir as súas estratexias para os corenta e catro días que lles restan até as eleccións nacionais galegas. O proclamado candidato á presidencia da Xunta polo Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, desmárcase nestes días das políticas levadas a cabo polo seu homólogo en Madrid e procura, sen demasiado éxito, mudar tres anos de lexislatura en pouco máis dun mes.

Varios son os asuntos que lle están a pór as cousas difíciles ao aínda presidente da Xunta de Galiza. Malia que o candidato popular se afana en desmentilos, as críticas da oposición e os resultados obtidos nestes tres anos de lexislatura poñen en xaque ao que xa foi nomeado como “o peor goberno da historia de Galiza”.

Sen carga de traballo para o naval
Por activa e por pasiva, Alberto Núñez Feijóo intenta desmentir as acusacións dos sindicatos que tildan o seu afamado contrato coa petroleira Pemex de estratexia electoralista. Feijóo chama á “tranquilidade” --non sabemos se aos seus-- e asegura que os acordos adoptados coa empresa mexicana se están cumprindo. Porén, os tralladores dos estaleiros seguen sen poder traballar. Mesmo chegou a afirmarse, que a construción dos buques que Feijóo prometía para Navantia, foran xa contratados a unha empresa coreana. Axiña aprobeitou o Partido Popular de Galiza o carácter inmediato das redes sociais para desmentir tal ousadía de quen non tivo o pracer de ver tan sequera o suposto contrato asinado coa petroleira. Na súa conta de Twitter o PpdeG acusaba á Confederación Intersindical Galega de ser o “brazo sindical do BNG” e de “falsear a realidade” de Navantia argüíndo que respondía a un interese político o desemprego no sector naval.

Afectad@s polas preferentes, dobremente defraudad@s
Sen dúbida este será un eixo central da campaña electoral. A sinatura do memorando de rescate por parte do goberno español deixou á marxe os dereitos das máis de cincuenta mil persoas afectadas en Galiza pola fraude das preferentes que terán que aceptar –como única solución-- unha quita, e resignárense a perder boa parte dos seus aforros. As persoas afectadas non só non tiveron apoio institucional que garantise os seus dereitos fronte a entidades financeiras rescatadas con diñeiro público que se negan a devolver os fondos de seu @s aforrador@s, senón que foron moídos a paus pola policía española en Soutomaior cando tentaron visibiliar a súa loita no primeiro acto de (pre)campaña do PP.
As innumerábeis sospeitas que xiran arredor da arbitraxe proposta polo goberno galego e a Unión Europea poñen a mosca tras da orella máis unha vez, nun problema financeiro cuxos únicos beneficiados --até o de agora-- son os seus responsábeis políticos.

As débedas de Feijóo
A sentenza feita pública polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, deixaba ben claro que a xogada do goberno galego co concurso eólico do bipartito non só supuña unha ilegalidade e unha desviación de poder, senón que conlevaría o pagamento de cuantiosas indemnizacións para as empresas afectadas que aínda manteñen as súas demandas por danos e prexuízos. O aínda presidente aseguraba que non había ser tal a cantidade que Galiza tería que pagar polas súas débedas e afanábase en desmentir que o ditame do TSXG fose a ter efectos sobre o actual concurso.

Mentres tanto, Núñez Feijóo agarda a treboada que se aveciña desde Madrid. A inminente chegada do e a “estrita condicionalidade” do mesmo anunciada a pasada quinta por Mario Draghi, marcará a campaña dun Feijóo que procura desmarcarse das políticas regresivas do seu partido sen demasiada fortuna. Até evitou que dirixentes do PP español asistan á súa posta de largo como candidato esta fin de semana, nun intento por reflectir que existen diferenzas entre o goberno central e el. Malia apoiarse sempre no seu grande aliado, Mariano Rajoy, as consecuencias dos meses de goberno no Estado español provocan reticencias nun Feijóo cuxa estratexia electoral tenta afastarse das desafeccións gañadas polo PP.

Comentarios