A organización independentista NÓS-Unidade Popular vén de facer pública, a través dun comunicado da súa Dirección Nacional, a decisión de non presentar candidaturas aos comicios autonómicos do vindeiro 21 de outubro.
As causas que alegan para non concorrer á convocatoria electoral se refiren aos escasos prazos para presentar candidaturas, por mor da “precipitación” desta, e máis o “descrédito xeral das forzas institucionais e do propio proceso electoral”. Con todo, no mesmo comunicado sinalan que a súa intención era a de presentarse como fixeran nos dous anteriores procesos. Outra das causas que motivan a decisión da forza independentista é o escaso desenvolvemento do seu proxecto político, recoñecendo non ter posibilidades de acadar representación parlamentar.
No comunicado admiten que a derrota do Partido Popular sería unha “boa noticia”, malia que na súa opinión non tería porque significar a superación das súas políticas antisociais. Nese sentido, apuntan a corresponsabilidade do PSOE na “aplicación das medidas impostas pola troika”.
Doutra banda cargan contra a coalición entre Anova e Esquerda Unida, cualificándoa de “conglomerado social-demócrata empeñado en humanizar o capitalismo suavizando as medidas antipopulares”. O feito de que sectores declarados nacionalistas converxan cunha organización de matriz española, segundo NÓS-UP, “nunha dinámica imposta pola propia IU” desde Madrid, lévaos a valorar a Alternativa Galega de Esquerda como incompatíbel coas “verdadeiras necesidades da nación galega e do noso povo traballador”.
En relación ao BNG, aínda reiterándose na súa crítica das súas posicións por as considerar “insuficientes”, cualifican a candidatura nacionalista como “a única que representa un proxecto galego fronte o sucursalismo do resto”.
No seu comunicado, malia expresar desafección co proceso electoral, non chaman á abstención e unicamente se limitan a sinalar que NÓS-UP non apoia ningunha candidatura.