A Avogacía do Estado acusa o xuíz do sinistro de Angrois de facer ''inquisición'' contra Adif

Presentou un recurso contra o último auto de Luís Aláez en que dá a entender que non existe informe nengún a respeito de por que se prescindiu do sistema de freada ERTMS e carga contra o xuíz sinalando que "boa parte" das súas dilixencias "son innecesarias e non están xustificadas".

photo_camera CC SA-NC-BY Sermos Galiza

A Avogacía do Estado acusou o xuíz intrutor do accidente de Angrois de converter o sinistro, acontecido o 24 de xullo de 2013 e onde morreron 79 persoas, "nunha sorte de inquisición xeral sobre a actividade do Adif".

Así o recolle o escrito que lle remitiu a Luis Aláez, titular do xulgado de instrución número 3 de Santiago de Compostela, a quen tamén reprocha que plantee á empresa pública "esixencias arbitrarias e carentes de base técnica ou normativa" que a avogada do Estado, Consuelo Castro, considera "baseadas en conxeturas, sospeitas, elucubracións e xulgamentos persoais" do avogado que se ocupa da defensa da única persoa imputada, o maquinista Francisco Garzón.

O xuíz quere coñecer as razóns polas cales se prescindiu do ERTMS

Segundo informa esta sexta feira o xornal El País, o documento de Castro Rey, é un recurso contra o auto que Aláez ditou o 5 de marzo e en virtude do cal cita para declarar cinco cargo de Adif e reclama uns documentos que a empresa pública debera ter entregado esta mesma sexta feira, ao dar o xuíz instrutor un prazo de dez días.

A intención de Aláez é coñecer cales foron os motivos que levaron a tomar a decisión de prescindir do sistema de freado ERTMS e que informes técnicos se encargaron a tal efecto. Entende que o ERTMS tería freado o comboio de maneira automática, paliando as consecuencias do despeiste do condutor, que circulaba a case 200 quilómetros por hora nun tramo onde a velocidade máxima ficaba restrinxida a 80.

A Avogacía dá a entender que non existe nengún informe sobre o control da velocidade

Porén, no escrito da avogada do Estado, o que se dá a entender é que non existe nengún estudo previo sobre as consecuencias que carrexaría prescindir do devandito sistema de freado. Sinala Consuelo Castro que "non existe nengunha previsión técnica ou normativa relativa á necesidade de que o xestor da infraestrutura realice" o devandito informe e translada a Renfe a decisión sobre o sistema de control da velocidade.

Por derradeiro, a Abogacía esixe máis dez días (até o 25 de marzo) para que Adif entregue a documentación reclamada de ser o seu recurso desestimado e acrecenta que "unha boa parte" das dilixencias ordenadas son "innecesarias, reiterativas e non están xustificadas". 

Comentarios