Unha morea de adhesións individuais e colectivas amosan o seu apoio á manifestación do 15-S

Organizacións internacionais e coñecidos nomes da lingua, a música, o cinema, a literatura ou do movemento asociativo galego amosaron o seu apoio á manifestación do 15-S convocada polo BNG baixo o lema 'Por unha Patria soberana'

As rúas de Compostela están chamadas a se inundar este domingo coa manifestación convocada polo Bloque baixo o lema Por unha Patria soberana. 

Sermos Galiza tivo acceso á relación de adhesións --individuais e colectivas-- de persoas e organizacións --nacionais e internacionais-- que amosaron o seu apoio á mobilización e partillan as razóns da convocatoria. 

Desde o terreo da literatura ao audiovisual, pasando pola música ou o traballo a prol da recuperación da memoria histórica, un cento de persoas apoiaron publicamente os manifestos editados pola fronte nacionalista con motivo do 15-S. Manifestos, que procuran a adhesión dun maior número de apoios e que o BNG partillou e difundiu polas redes sociais. 

Adhesións individuais por unha Patria soberana

Neste senso, a extensa listaxe de apoios recollidos deixan importantes nomes como o do escritor Suso de Toro, a directora de cinema Margarida Ledo ou Xosé María Álvarez Cáccamo. Aliás, subscreben a convocatoria Pilar Pallarés (poeta), Sandra Carballa (pintora), Olga Castro (poeta) ou Xosé Lois González 'O Carrabouxo'. 

Da música e o cinema coñecidos nomes pola súa traxectoria suman forza co Bloque. Pablo Carracedo 'Jasper', do grupo Nao; Uxía Senlle, Xosé Bocixa, Xurxo Souto ou a voz de Quempallou, Guillerme Costa asinan tamén o manifesto da cultura por unha Patria soberana. 

Organizacións nacionais e internacionais por unha Patria soberana

Mais non só persoas a título individual quixeron apoiar a convocatoria desta mobilización. Organizacións e asociacións do país quixeron sumárense ás reivindicacións da formación nacionalista e adherírense á convocatoria do 15-S. 

A FRUGA, a Organización de montes veciñais e en man común, a Associaçom galega da língua (AGAL) ou o Comité galego de solidariedade internacionalista (Mar de Lumes) constitúen unha pequena escolma dos apoios recibidos polo Bloque desde as organizacións e asociacións do país. 

Porén, a organización frontista contará tamén con forzas políticas doutras nacións que quixeron sumárense a esta convocatoria e amosar o seu apoio ao BNG. Desde Euskal Herria, os Països Cataláns, Portugal ou América Latina, múltiples organizacións quixeron amosar o seu recoñecemento ao dereito da Galiza a se constituír nun Estado de seu e a promover un cambio no actual estado de cousas. Entre os apoios recollidos atópanse: Sortu, ERC, PCP, Bloco de Esquerda, Frente Popular de Liberación de Palestina, Frente Polisario ou o Consulado de Venezuela.

Podes consultar as listaxes completas:

**Adhesións individuais

**Adhesións colectivas 

Comentarios