O xuíz Pedraz négase a arquivar o asasinato de José Couso

Malia á obriga que estabelece o novo artigo da Lei orgánica do poder xudicial, aprobado polo Goberno español pola vía da urxencia e sen consultas previas e que limita o principio de xustiza universal, o maxistrado apela á IV Convención de Xenebra e di que si é competente para seguir co procesamento.

photo_camera CC SA-NC-BY Sermos Galiza

Apelando á IV Convención de Xenebra, que sinala a obrigatoriedade de perseguir os delitos cometidos contra persoas ou bens protexidos en caso de conflito armado, o xuíz instrutor da Audiencia Nacional española Santiago Pedraz negouse a arquivar o caso aberto polo asasinato do cámara galego José Couso durante a invasión do Iraque polas tropas dos EUA. 

Malia a limitación do principio de xustiza universal imposta polo Goberno español pola vía da urxencia e sen consultas, Santiago Pedraz considera nun auto feito público esta segunda feira que o devandito convenio internacional o ampara e o torna competente para continuar co precesamento aberto contra @s militares norteamerican@s responsábeis do ataque perpetrado o 8 de abril de 2013 cun carro de combate contra o Hotel Palestina, onde se refuxiaba a imprensa.

Arquivadas as outras 11 causas

Así as cousas, os seis xuíces instrutores da Audiencia Nacional española ían pechar esta segunda feira a ducia de causas que tiñan abertas en aplicación do principio da xustiza universal, entre elas aquela que investiga o asasinato de José Couso polas tropas estadounidenses que en 2003 perpetraron a invasión do Iraq. Fano após a publicación, no Boletín Oficial do Estado --BOE-- as limitacións a esta norma contempladas no artigo 23 da Lei orgánica do poder xudicial, recentemente modificada. 

Ismael Moreno, Javier Gómez Bermúdez, Fernando Andreu, Pablo Ruz, Eloy Velasco e o propio Pedraz ían ditar de oficio os arquivos de cada unha das causas, sen que as partes personadas teñan que tramitar solicitude. Á última hora, Pedraz negouse ao entender que aplicar a norma española --a reforma-- implicaría "admitir a posibilidade de que unha norma interna modifique ou derrogue unha disposición dun tratado ou convenio internacional vixente, e iso fica proscrito".  

O maxistrado pediu a extradición do tenente coronel Philip de Camp, do capitán Philip Wolford e do sarxento Thomas Gibson, para alén de pedir que fose interrogada a sarxento Adrienne Kinne en calidade de testemuña.

"Inmoralidade" e "atentado contra a democracia"

A limitación do principio de xustiza universal até case anulalo emprendida polo Goberno español pola vía da urxencia e sen consultas non gostou á familia Couso. "É unha inmoralidade e un atentado contra a democracia", sinalou Javier Couso, irmán do cámara asasinado, en relación a un texto que limita de maneira grave a investigación de crimes que violan o dereito internacional e que, segundo o informe remitido ao Executivo de Mariano Rajoy por doce organizacións non gobernamentais --Amnistía Internacional entre elas-- "viola tratados internacionais fundamentais" e fará do Estado español "un paraíso da impunidade". 

A reforma do artigo 23 da LOPX estabelece que a xudicatura española será só competente cando o procedemento se dirixa contra cidadanía de 'nacionalidade española' ou que resida habitualmente no Estado ou que se atope de maneira temporal no Estado e a súa extradición sexa denegada. Impídese desta maneira continuar co procedemento aberto contra @s militares estadounidenses imputad@s polo asasinato de Couso por parte do xuíz Eloy Velasco, ao seren cidadanía dos EUA e residiren aló. 

Ao Constitucional e a Estrasburgo

A familia Couso advirte de que levará a limitación da xustiza universal perante o Tribunal Constitucional e perante o Tribunal de Estrasburgo "se é necesario". David Couso, tamén irmán do xornalista asasinado no Iraq, rexeita que a súa sexa unha loita individual. Defende, por contra, que o novo articulado aprobado polo Executivo español deixa desprotexid@s tod@s @s profesionais dos medios de comunicación que se atopen desprazad@s a territorios en conflito.

"Déixanos polo chan", sinalou Javier Couso en referencia ao lugar en que Mariano Rajoy e a súa lei colocan as vítimas. O irmán do cámara de Telecinco asasinado o 8 de abril no Hotel Palestina conclúe de maneira taxativa: "fixeron un claro favor á impunidade para defender xenocidas, torturadores, asasinos".

Comentarios