Bletxu Valeiras: "Israel mostra cada vez máis irritación polo efecto do boicot"

Dentro dos actos da Semana Internacional contra o Apartheid, BDS-Galiza dirixiuse aos grupos parlamentares para mostrar a súa preocupación polas relacións empresariais con Israel que manteñen algunhas compañías galegas. O activista de BDS-Galiza, explica o momento no que se atopan as súas reclamacións e a campaña polo boicote, os desenvestimentos e as sancións a Israel. 

Bletxu Iglesias
photo_camera Bletxu Iglesias

-Denuncian que o tráfico de armamento entre o Estado Español e Israel aumenta. Teñen datos que comprobe esta afirmación?

Temos. Existe un informe recente realizado polo Centre Delás e varias ONGs catalás (Defensa, seguretat i ocupació com a negoci) onde se revela que as importacións entre 2003 e 2012 foron de máis de 115 millóns de euros. Tamén no pasado mes de xaneiro, o goberno de Israel publicou unha lista de clientes da súa industria armamentística en que o Reino de España aparece cun volume de negocio que ronda os 300 millóns na última década. Os produtos máis “demandados” foron mísiles, drones e plataformas de armamento por control remoto, alén de tecnoloxía e armamentos “probados en combate” e destinados ao control interno e ao control de fronteiras. Un caso paradigmático é o da empresa Guardian Spain, que treina axentes de varios corpos policiais (estatais e autonómicos) en Israel.

"O goberno de Israel publicou unha lista de clientes da súa industria armamentística en que o Reino de España aparece cun volume de negocio que ronda os 300 millóns na última década"

-Iría entón a contracorrente doutros gobernos que están a activar medidas para boicotear comercialmente Israel. Que países se están a destacar nesta liña?

Os países nórdicos posiblemente sexan os máis comprometidos co boicote. Destacan casos, como o de Noruega, onde un plan de pensións estatal excluíu dos seus investimentos dúas empresas involucradas na construción en asentamentos. Fixeron algo semellante varios fondos de investimento dos Países Baixos, Dinamarca ou Luxemburgo. Curioso é o que acontece en Alemania, onde o apoio de Merkel a Netanyahu contrasta con medidas tomadas polo seu goberno, como excluír as empresas radicadas en asentamentos dos acordos de cooperación científica e das concesións de alta tecnoloxía, ou a retirada da maior empresa ferroviaria alemá da construción da vía férrea que atravesará os TTOO a instancias do ministro xermano de transportes.

-En 2013 o Parlamento Galego aprobou a primeira Declaración Institucional en favor dos dereitos do pobo palestino. Foi só un feito simbólico ou tivo algunha repercusión máis aló do pazo do Hórreo?

Pois aínda que simbólico foi un paso importante por tratarse dun dos primeiros casos, senón o primeiro en Europa e que esperamos se repita este ano. Varias organizacións como o Movemento BDS Internacional se fixeron eco dela e serviu tamén para dar máis visibilidade á Al-Nabka palestiniana dentro da sociedade galega.

-BDS solicítalle á Xunta que se dirixa ás empresas galegas para advertir sobre os problemas de negociar cos asentamentos israelís ilegais. Confían en que o goberno de Feijóo responda a súa petición?

Con esa esperanza se fixo, non só polo interese de evitar que empresas do país colaboren coa colonización de Palestina, senón tamén para que estas sexan informadas sobre  os problemas que estes negocios poden conlevar nun futuro próximo tendo en conta a rapidez con que avanza a campaña BDS en moitos países occidentais e as medidas que están tomando numerosos estados europeos para evitar a venda de bens producidos nos chamados territorios ocupados como produtos made in Israel.

-Falan de “problemas e riscos” para as empresas por faceren negocios cos asentamentos israelís ilegais. Pode identificar eses problemas e riscos?

No informe do relator da ONU Richard Falk, recomendase que os países investiguen ás empresas que se vexan beneficiadas polos negocios cos asentamentos e polas políticas coloniais de Israel, e indica que se debería plantexar a prohibición da importación de produto desa zona e esas recomendacións, como acabamos de indicar, comezan a ter eco en diferentes lugares. O Reino Unido, por exemplo, xa publicou directrices neste sentido alertando particulares e entidades empresariais das consecuencias de facer negocios con empresas dun estado como Israel que quebranta as normas do dereito humanitario internacional.

Por outro lado, como acabamos de dicir o desenvolvemento da propia campaña acabará tendo repercusións a non moi longo prazo neses negocios.

"As empresas do grupo Inditex son das que negocian con Israel"

-Teñen coñecemento de que empresas están a negociar con Israel?

Temos, claro. Traballamos cun listado sacado de distintos rexistros públicos. As empresas do grupo Inditex, por exemplo, por citar un caso de sobras coñecido na Galiza.

-Nesta Semana Internacional contra o Apartheid dirixíronse a portavoces dos grupos parlamentares para que se sensibilicen e contribúan ao boicote. Tiveron xa resposta?

Aínda non a tivemos, se ben é certo que houbo pouco tempo material. En calquera caso confíamos en que os grupos parlamentares responderán positivamente.  O contrario seria ficar por detrás dos sectores máis sensíbeis e solidarios da sociedade galega que mostran un apoio firme  e cada vez máis amplo ás reivindicacións do pobo palestino e á campaña de boicote a Israel.

-A cidadanía está a mostrar o seu apoio ao pobo palestiniano. Unha das últimas accións centrouse no ámbito escolar. Vostedes denuncian que Israel ameaza con pechar 30 escolas palestinas en Xerusalén por non empregaren o temario sionista. Que relevancia ten o apoio e a denuncia internacional?

Este apoio nótase nas políticas de Israel,  que se mostra cada día máis irritado polos efectos do boicote. Boa proba disto son actitudes como a de Tzipi Livni, ministra de Xustiza  e negociadora xefa israelí no proceso de paz, nas que advirte sobre os efectos do boicote en caso de non avanzar no proceso de paz. Moi significativa tamén é a creación  dun programa de ofensiva mediática contra as organizacións que promoven o boicote e os esforzos dos servizos de intelixencia e o propio goberno para vincular o movemento BDS con organizacións terroristas e estados inimigos. De feito, promover o boicote dentro do propio Israel, como fan as organizacións humanitarias, é considerado delito.
Na Galiza, despois do grande apoio que recibiron o ano pasado os manifestos en favor da campaña BDS nos ámbitos da cultura, o xornalismo, o deporte e o colectivo LGTB, este ano decidimos promover un manifesto entre os membros da comunidade educativa que incide na pretensión do ministro Wert, presionado por Israel, de incorporar como materia obrigatoria o holocausto xudeu ignorando outros xenocidios igualmente infames.

Comentarios