O BNG intégrase no ‘programa pioneiros’ da iniciativa PuntoGal, promotores do dominio galego .Gal e o 25 de xullo confía en ser unha das90 entidades en contar con esta ferramenta na internet estreando novo enderezo electrónico coa denominación bng.gal que pasaría a substituír o actual bng.org en todas as súas comunicacións na Rede.
O portavoz nacional, Xavier Vence, sostivo que “bng.gal é un dominio claro, directo e, sobre todo, identificador do noso país na internet que é o mesmo que dicir na comunicación global”, e valorou a “enorme relevancia” da iniciativa “para situar Galiza no mapa das comunicacións por internet”.
A presentación do que será o novo enderezo para as comunicacións do BNG na rede estivo precedida por unha reunión con Manuel González e Camilo Regueiro, presidente de secretario da asociación puntogal. González avanzou que convidarán a todas as organizacións políticas, entidades e institucións así como as empresas privadas de referencia a facer parte do programa pioneiros.
PuntoGal comparte a proposta do BNG de impulsar unha declaración de apoio institucional desde a Cámara galega ao dominio .Gal que, en palabras de González, “contribuirá para reforzar a identidade de país, a cohesión social, a autoestima, ben como será unha ferramenta útil para as empresas e permitirá contribuír para a presenza universal da Galiza na internet”.