Os críticos de Anova retíranse das primarias e ollan xa para a próxima AN

Tres destacados membros do sector crítico de Anova veñen de retirar a súa candidatura ás primarias que Anova realizará este domingo para ocupar dúas prazas na candidatura de IU ás Europeas. Luís Eyre Palleiro, David Balado e Xosé Miguel B. Rodríguez aseguran que a Asemblea Nacional será a última oportunidade para Anova. 

Luís Eyré
photo_camera Luís Eyré

As razóns que Luís Eyré, David Balado e Xosé Miguel B. Rodríguez dan a súa renuncia á candidatura é considerar que disputar o posto 5º da candidatura da IU “sería mais un motivo de diverxencia que factor de cohesión para a maioría nacionalista que é precisa para rescatar a organización para o nacionalismo”. Consideran que a Asemblea Nacional que se terá que celebrar antes do verán é a última oportunidade para converter Anova “na ferramenta da cidadanía que non chegou a ser, é o obxectivo ao que debemos supeditar e supeditamos as nosas decisións individuais”.  

Os tres demisionarios afirman que continúan a “acreditar no proxecto orixinal de anovar, de irmandade e nacionalismo que nos ilusionou a tantas persoas”, malia que desde dentro se tratara de “asasinar a irmandade, reducir o nacionalismo a unha cuestión identitaria e rematase por encomendar a anovación política ao que decidan Izquierda Unida e o Secretariado do PCE”.

Os críticos reférense aos seus rivais internos como "o sector liquidacionsita da anovación, da irmandade e do nacionalismo"

Eyré, Balado e B. Rodríguez coinciden á hora de valorar que a integración na lista de IU é  “un erro estratéxico colectivo que pon en risco grave a pervivencia de Anova como organización nacionalista”. Mesmo así, afirman que presentaran a candidatura, xa que, de saír o 5º representante de IU no Parlamento Europeo, consideraban que non era “irrelevante que a acta estea ao servizo exclusivo de Galiza por medio do proxecto xenuíno de Anova ou do sector liquidacionista da anovación, da irmandade e do nacionalismo”.

Aclaran tamén que a súa renuncia non se debe aos “intentos de censura aos escritos dos candidatos nin por outras irregularidades da dirixencia na xestión da convocatoria da eleccións internas” senón a súa fidelidade ao proxecto orixinal dunha “Anova nacionalista e de irmandade”. 

Comentarios