Escoitas de Vixilancia Aduaneira na Pokemon implican a portavoz do PPdeG en 'enchufes'

Un informe incluído na Operación Pokemon desvela chamadas entre Paula Prado, daquela concelleira do grupo de goberno do PP de Compostela, e Ángel Espadas, xefe de gabinete de Conde Roa, intercambiando nomes de ''persoas recomendadas para contratalas''.

paulaprado_capa
photo_camera paulaprado_capa

A portavoz do PP de Galicia, Paula Prado, gravada mentres falaba con Ángel Espadas (xefe de gabinete con Conde Roa) de persoas coñecidas ou próximas ao Partido Popular para ser 'enchufadas'. Ese é un dos informes que están no sumario da Operación Pokemon e que saíu á luz esta terza feira. Son 'pinchazos' feitos polo Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA) e feitos entre o 2011 e 2012, cando Prado era concelleira do goberno de Compostela daquela dirixido por Conde Roa.

"Paula di que Gerardo non está a facer as cousas ben e que cheira a pelotazo urbanístico"

Segundo o informe desvelado por Europa Press, nunha desas escoitas grávase a Prado (que non está imputada na causa) con Ángel Espadas. A parlamentar popular pregúntalle ao daquela xefe de gabinete de Conde Roa se deixou os caixóns do seu despacho onde garda os curriculum abertos, posto que ten que facer unhas indicacións nos papais que @s aspirantes presentaron para ofertas de emprego. Precavida, Prado sinálalle a Espadas que xa lle explicará polo miúdo en persoa.

Noutra gravación, ambos os dous falan sobre a contratación para un programa municipal dunha afiliada do Partido Popular. Noutra conversa, Paula Prado recoñece diversas xestións para 'colocar' as fillas dun coñecido nunha empresa que xestionaba residencias de maiores cun bo feixe de contratos públicos. Segundo apunta El País, a propia concelleira do PP recoñece que lle dá “pau” pedirlle cousas a esa empresa, cando o Concello lle adebeda 800.000 euros. É entón cando apunta a que sería mellor 'enchufalas' en Sermasa, filial do grupo Vendex.

'Pelotazo'

No informe tamén se recolle que Paula Prado afirma que Conde Roa “non está a facer as cousas ben” e que o pouco que hai cheira “a pelotazo urbanístico” e salienta que “menos mal que non hai oposición, que se non, comeríannos”.

Comentarios