Feijóo ten que responder sobre a crecente pobreza

445.000 persoas non poden pagar o subministro eléctrico mais Feijóo continúa sen pronunciar a palabra “pobreza” nos seus discursos. BNG e AGE lembráronlle ao presidente da Xunta a grave situación pola que atravesan milleiros de persoas mentres o goberno galego continúa a acelerar os recortes sociais e deixa sen executar axudas á emerxencia.

Alberto Núñez Feijóo [M. Montero]
photo_camera Alberto Núñez Feijóo [M. Montero]

O voceiro do BNG, Francisco Jorquera, esixiu ao goberno galego a inclusión da definición “consumidor enerxético vulnerábel” na Lei de Defensa das persoas consumidoras e para argumentar a urxencia da situación levou ao parlamento os alarmantes datos sobre a pobreza. 445.000 persoas non poden pagar o subministro eléctrico, en total 187.000 fogares que teñen dificultades para abonar as súas facturas. Jorquera pediulle así a Feijóo colocarse  “ao lado das persoas” e impida a través da inclusión do concepto de “consumidor enerxético vulnerábel” que as compañías podan cortar a enerxía ás familias en situación de pobreza. Máis cifras: 1.666.000 persoas teñen dificultade para chegar ao fin de mes segundo a enquisa do IGE. 

 “Indecente” cualificou Jorquera que se lle estea cortando a enerxía a familias en situación de emerxencia cando as eléctricas están a rexistrar uns beneficios de máis de 7.000 millóns de euros. 

Cunha taxa de pobreza enerxética superior á media estatal, o deputado nacionalista lembroulle na sesión de control ao Presidente que a Generalitat xa modificara a lei para se facer cargo das facturas das persoas necesitadas. “Indecente” cualificou Jorquera que se lle estea cortando a enerxía a familias en situación de emerxencia cando as eléctricas están a rexistrar uns beneficios de máis de 7.000 millóns de euros. 

Volta dos braseiros 

Braseiros e estufas de leña regresan como fica de manifesto nos varios accidentes rexistrados nos últimos tempos, que lembrou o parlamentario do BNG quen lamentou que o PP votase en contra de todas as iniciativas que presentara o seu grupo para combater a pobreza enerxética. Criticou que non se opte por unha tarifa galega e que se lle poña cada vez maiores impedimentos ao autoconsumo.  Para a resposta, Feijóo anunciou a creación dun “ticket enerxético” que estarían preparando as consellarías de Industria e Economía para axuda ás persoas necesitadas. 

Unha política de beneficencia e non de resposta a unha situación de pobreza crecente foi do que a oposición ao completo acusou o presidente da Xunta.  “Vostede recoñece que hai pobreza neste país?, É capaz de pronunciar esa palabra? Que vai facer contra a cada vez maior desprotección social da cidadanía?”, recriminoulle a vicevoceira de Alternativa Galega de Esquerda, Yolanda Díaz  ao tempo que denunciou o crecemento da pobreza no país e criticou que a Xunta deixara sen executar o 42% dos orzamentos dedicados ás axudas de emerxencia. 

  “Vostede recoñece que hai pobreza neste país?, É capaz de pronunciar esa palabra?", dixo Yolanda Díaz

“Con vostedes, este organismo pasou de 38 millóns de euros a catro millóns”,  dixo, a respecto do desmantelamento do sistema público de emprego cando 282.000 persoas están rexistradas en situación de desemprego e 14.000 nen@s viven en situación de pobreza. Yolanda Díaz botou man dos datos de Cáritas, da Enquisa de Poboación Activa ou do propio Valedor do Pobo para cuestionar a política de beneficencia de Feijóo fronte unha política social que atalle a situación crítica pola que atravesa o país.  

Comentarios