Festa popular en Corcoesto por “unha vida sen mina”

Na Carballeira de Santa Mariña, en Corcoesto, varias asociacións convocan unha festa popular para celebrar a paralización da mina e agradecer os apoios recibidos. 

Detalle do cartaz da festa
photo_camera Detalle do cartaz da festa

As  AA.V. de Cereo, Valenza, Corcoesto e a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños son as entidades que convocan a festa popular para celebrar “unha vida sen mina”. A comunicación oficial pola Xunta da paralización definitiva da mina de Corcoesto é o motivo do encontro festivo co que a veciñanza e as asociacións que rexeitaban o proxecto queren conmemorar ademais o apoio social que recibiron para a defensa da súa terra. 

Será este sábado 29 de marzo desde as 12.30 horas cando se poña inicio á xuntaza que decidiron denominar “Polo rexurdir da Primavera e o amor á Terra”. “Con certeza a empresa canadiana ou outra con máis potencial económico  van seguir insistindo con outros proxectos semellantes, polo que a celebración  desta vitoria non implica que baixemos a garda no futuro inmediato”, advirten, denunciando ao tempo a vontade do alcalde de Cabana de incluír a mina no futuro PXOM ou a teima de Edgewater na vixencia da Declaración de Impacto Ambiental ademais da negativa da Xunta a prohibir o uso do cianuro nas explotacións mineiras. 

A festa consistirá nun xantar colectivo e piden ademais que cada asistente leve unha pedra para volver construír o Milladoiro por Corcoesto, un emblema xa da loita social contra a mina. 

Comentarios