Juárez acusa as e os manifestantes de ‘’incitar á violencia’’ na visita de Merkel e Rajoy

O delegado do goberno español en Galiza afirma que no protesto contra a presenza de Merkel e Rajoy houbo persoas que actuaron ‘’con violencia contra a policía” e estes “tiveron que defenderse”.

MERKEL3 (1)

Samuel Juárez considera que a responsabilidade do acontecido esta segunda feira en Compostela (coa zona vella blindada por policías e cargas contra manifestantes) é das persoas que secundaron a protesta convocada por CIG e BNG contra Merkel e Rajoy. O delegado do goberno español en Galiza acusou a manifestantes, en declaracións recollidas pola Ser, de “incitar á violencia nunha manifestación legal”. Mesmo afirmou que as e os manifestantes actuaron “con violencia contra a policía”, polo que os axentes “tiveron que defenderse”.

Juárez acusou a CIG e BNG de “incumprir as leis” e de non facer unha mobilización legal, indicando que houbo policías feridos nos forcexeos. Dos manifestantes feridos non fixo referencia. O delegado defendeu o operativo de seguridade desta segunda feira na que se mobilizaron 300 axentes para ‘ocupar’ Compostela durante a visita da mandataria alemá e o presidente español.

Denuncia

Desde o BNG, e por boca de Goretti Sanmartín, membro da Executiva Nacional, volveuse denunciar o despregamento policial e que “non se poida facer unha protesta nun espazo público”. A preguntas d@s xornalistas sobre se o BNG adoptaría medidas legais, Sanmartín afirmou que esa cuestión sería competencia da Executiva da fronte nacionalista.

Aliás, a deputada do Bloque no Congreso dos deputados, Rosana Pérez rexistrou unha pregunta con resposta escrita relativa á “desproporcionada” carga policial en Santiago de Compostela. A deputada considera que a acción policial “vulnerou os dereitos da cidadanía” ao impedir a libre circulación a puntos da parte antiga da capital compostelá e someter aos cidadáns a “identificacións inxustificadas”.

Comentarios