Masivo respaldo da militancia do BNG á coligación con EH Bildu e a CUP

Arredor de 1.500 afiliad@s participaron nas asembleas comarcais da fronte, cun 85,4% dos votos a favor da alianza con soberanistas bascos e catalás, un 8,4% a prol do acordo con ERC e un 5,8% dunha candidatura só galega

[Imaxe de arquivo, BNG]
photo_camera [Imaxe de arquivo, BNG]

A militancia do BNG aposta inequivocamente na coligación con EH Bildu e a CUP para as eleccións europeas de 25 de maio. Esta opción obtivo nas asembleas comarcais unha percentaxe de apoio (o 85,4%), aínda maior do que no Consello Nacional. A prol de concorrer con Esquerra Repúblicana de Catalunya pronunciouse o 8,4 das e dos afiliados do Bloque, mentres que un 5,8% se posicionou en favor de o BNG ir nunha candidatura galega, isto é, non aberta a alianzas coas forzas soberanistas do resto do Estado.

"O debate nas asembleas foi moi construtivo e, sobre todo, moi participativo", enfatiza Bieito Lobeira

Prevaleceu na base militante do Bloque a ideia de que neste momento de ofensiva españolista -Madrid nega a Catalunya o que si lle outorga Londres a Escocia, o dereito a decidir- é estratéxico reforzar a alianza entre as tres nacións do Estado e máis aínda é facelo pondo en evidencia a existencia de Galiza nese triángulo.

"O debate nas asembleas foi moi construtivo e, sobre todo, moi participativo", enfatiza o secretario de Organización do BNG e coordenador da campaña eleitoral, Bieito Lobeira.

Arredor de 1.500 afiliad@s tomaron parte no contraste das distintas opcións que o Bloque tiña perante si e que basicamente se reducían á escolla entre unha coligación trilateral ou o tándem bipartito con ERC. O terceiro cenario -explorar as vías que levasen a unha candidatura galega con outras forzas nacionalistas da Galiza- apenas tivo respaldo da militancia: un magro 5,8%. Defendeuno en solitario o colectivo Abrente, liderado polo ex portavoz do BNG na Cámara galega, Carlos Aymerich.

Pendentes da CUP

Con todo, non hai que perder de vista que a decisión tomada polas asembleas comarcais do BNG é a prol dunha coligación trilateral, isto é, con representación das tres nacións sen Estado: Galiza, Catalunya e Euskadi.

"As militantes e os militantes do BNG optaron por unha fórmula que neste momento se entende a mellor para garantir a existencia de Galiza no debate", afirman fontes frentistas, quen enfatizaron o carácter "instrumental" da candidatura.

"O importante non é con quen imos concorrer ás eleccións, senón as alternativas que defendemos e a campaña que realizaremos como Bloque Nacionalista Galego. E aí a nosa campaña será Galiza, Galiza, Galiza", din as mesmas fontes.

O 9 de Marzo, a CUP decidirá se concorre ou non a este proceso eleitoral. Se esta formación da esquerda soberanista catalá resolve non presentar candidatura a Europa, a coligación das 3 nacións sen Estado non podería materializarse, o que criaría unha situación nova.

Comentarios