Milleiros nas rúas polo dereito á vivenda

Milleiros de galeg@s botáronse hoxe ás rúas para defenderen un dereito humano elemental, o dereito a unha vivenda digna. A convocatoria facíaa Stop Desafiuzamentos. Vídeo acto final en Compostela.
Manifestación Stop Desafiuzamentos Compostela
photo_camera Manifestación Stop Desafiuzamentos Compostela

Cidades e vilas galegas viviron hoxe a maior protesta cidadá contra os desafiuzamentos da súa historia. Ferrol e A Coruña pola mañá, Vigo, Compostela, Lugo e Ourense pola tarde xunto a Cangas que a organizou ás 20 horas, milleiros de galegos e galegas saíron á rúa para denunciar o acoso dos bancos a aquelas persoas que por diversos motivos non poden cargar cos pagos da súa vivenda habitual.

Nas marchas de hoxe, convocadas polas diferentes plataformas Stop Desafiuzamentos de Galiza, berrouse "non son suicidios, son asasinatos" en relación ás mortes que tiveron lugar os últimos meses. Goberno e bancos tamén levaron a maior parte das críticas con frases como "hai que desafiuzar o Partido Popular" e "nin casas sen xente, nin xente sen casas".

A manifestación de Compostela pasou a poucos metros do Parlamento galego, ocasión que aproveitaron moitas persoas para lanzar consignas contra a corrupción. Na da Coruña, realizada pola mañá, @s manifestantes remataron diante da vivenda de Aurelia Rey, unha muller de 85 anos que queren desafiuzar por non pagar un mes de alugueiro.

"Solucións para as afectadas"

As marchas galegas coincidiron coas que se realizaron noutras cidades do Estado Español. A Plataforma Stop Desafiuzamentos exixe dación en pagamento retroactiva, aluguer social e que se paralicen os desafiuzamentos.

Nun manifesto distribuído nas marchas de hoxe sinalan que "a vivenda é un dereito fundamental sistematicamente vulnerado polo Estado" e denuncian "a situación dramática de milleiros de familias que non poden pagar a hipoteca ou o alugueiro, que son desafiuzadas, vítimas dunha estafa hipotecaria". A Plataforma asegura que as demandas da ILPpresentada esta semana "son de mínimos" e que "non aceptarán rebaixas". A reivindicación continuará pedindo solucións para afectadas e afectados.

Comentarios