O negocio da gasolina, quen gaña e quen perde na Galiza, neste Sermos nº93

Neste semanario, xa disponíbel na loxa, mañá nos quiosques, analizamos a situación política que se vive en Ourense, facemos un percorrido polas diferentes candidaturas das nacións sen estado europeas cara o 25M, ou falamos das mobilizacións veciñais en Monterrei e Cedeira. E moito máis.

Capa_SG93

Até a liberalización do mercado do petróleo, a finais dos 90, as estacións de servizo de Galiza sempre figuraban na lista das máis baratas do Estado. Apenas dous anos despois xa estaba como o territorio co combustíbel máis caro. Un posto no que se mantivo nestes 14 anos. Por que? E quen fai negocio co combustíbel en Galiza? Eis un tema que se trata neste número do Sermos Galiza, o 93.

'Ourense, a implosión dun concello' é o título da reportaxe na que nos achegamos até a vertixe institucional que atravesa o Concello. Tamén analizamos o que está a acontecer no sector forestal galego (con ENCE e provedor@s enfrontados polos prezos) e falamos das mobilizacións veciñais en Cedeira (para protexer unha reserva mariña dos recheos) e en Monterrei (contra a privatización do seu Castelo).

Bruxelas e Etxarri

Con motivo das eleccións europeas do 25 de maio pousamos a mirada sobre as candidaturas que se presentan nas diferentes nacións sen estado de Europa. Enquisas e sondaxes vaticinan unha nutrida representación de nacionalistas e independentistas en pleno cerne da 'Europa dos Estados'.

E viaxamos até Etxarri-Aranatz (Nafarroa) para que a súa veciñanza nos conte da consulta popular que fixeron para que a cidadanía decidise sobre a independencia vasca. “Vivimos unha festa da democracia”, defenden, contra constitucións alleas e imposicións.

M.L desde Teixeiro: “A miña é unha cadea perpetua encuberta”

Publicamos unha entrevista facilitada por Esculca con M.L nome suposto dun preso social na actualidade en Teixeiro e que leva tras as reixas desde 1989. Non cometeu delitos de sangue mais non sairáen liberdade até 2040. “A miña é unha cadea perpetua encuberta, sen dereito constitucional ningún”.

Outras entrevistas que podes ler neste nº93 é a que fixemos a Pedro Nimo, maratoniano galego que rematou 14º na maratón de Londres, ou a realizada a Javier Cora, xerente de Enerxía Galega Máis.

Do mar e das crebas ao rock e as cartas

Seguindo coas entrevistas, o escritor Fernández Naval cóntanos como “as crebas mudan a mirada e son un tesouro da creación literaria”. E do mar da Costa da Morte até o rock de compromiso. Falamos con Nao do seu último traballo (Cartas no caderno), de Zeca Afonso, da Troika, de amor e liberdade... e do concerto o 26 de abril.

Pero Sermos Galiza non acaba aquí. Hai moito máis. Da man do colectivo Xea percorrermos O Courel coa silenciosa paciencia dos ourizos, con Mario Regueira navegamos polas páxinas da novela 'Os santos nunca dormen' de Teresa González; Andrés Castro fálanos do filme 'Kon-Tiki'. E Iago Varela pregúntase que foi, que é e que será das cabinas telefónicas. 

Comentarios