Neste nº92 de Sermos Galiza, o negocio sen freo das peaxes

Un novo número do semanario Sermos Galiza. Política, economía, cultura, viaxes... Entrevistas a Ana Miranda, Francisco Pillado, Xoán Quintáns, Luis Davila (O Bichero) e Henrique del Bosque. Podes mercalo na nosa loxa.

Capa_SG92

Sermos Galiza cun novo número na rúa e nos quiosques, o 92, camiño dos 100. No Tema da Semana analizamos o negocio das peaxes, unha navallada no peto de usuari@s e do conxunto d@s galeg@s. Rodri Suárez analiza as chaves dun calote que está a ter contestación social no noso país.

Nas páxinas tamén falamos das chaves para entender o debate soberanista de Catalunya e achegámonos a diferentes movementos que na rúa están a denunciar a corrupción. O proxecto de construción da A76 e o seu impacto na Ribeira Sacra tamén ten tratamento en Sermos Galiza, así como a nova Lei de Telecomunicacións: prevé expropiacións forzosas para instalar antenas de telefonía móbil.

Deportes, natureza, país

As carreiras populares collen folgos no país, un deporte cuxa práctica xera mesmo tendencias nas redes sociais. E na sección de Andar na Terra imos da man do colectivo XEA até as fervenzas do río Avia, na Serra do Suído. Unha desas xoias e Galiza que non se coñecen tanto como se deberan.

Entrevistamos a Anda Miranda, candidata do BNG nas eleccións municipais, que fala con nós da necesidade de levar a Bruxelas e Estrasburgo a voz da defensa da nación galega e de combater a UE dos estados e os mercados.

Tamén entrevistamos a Xoán Quintáns, un vilaxoanés co-fundador de Caramuxo. Por que? “Porque estabamos fartos de vestir camisolas que non entendiamos”.

Pillado: ética e compromiso

“O PP está a exterminar a cultura e linguas galegas”. Francisco Pillado fala con Sermos Galiza de Laiovento, do teatro, de Galiza... “A situación é de derrota absoluta”.

Gozamos de partillar parolada con Luis Davila, O Bichero, humorista gráfico ao que entrevistamos neste nº92. “Un labor importante dos humoristas é opinar”.

E tamén entrevistamos a Henrique del Bosque, ensaísta que vén de publicar con Xerais 'E logo, tenos razóns para ser nacionalistas?'. “Nacionalismo e cosmopolitismo en absoluto son termos antagónicos. O que si critico é o enmascaramento dun nacionalismo dominante baixo a apariencia de cosmopolitismo”.

Comentarios