As obras e o abandono poñen en perigo a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Adega denuncia que a falta de protección e os proxectos agresivos que neste momento están en marcha no entorno da Ribeira Sacra están a comprometer a súa candidatura a Patrimonio da Humanidade. 

Ribeira Sacra
photo_camera Ribeira Sacra

Catro megaproxectos hidroeléctricos, un en Belesar, outro nos Peares, e as novas centrais de Santa Cristina (Iberdrola) e Edrada (GN-Fenosa) “que implican obras faraónicas”, a construción da autovía A-76 e a autorización de novas canteiras no Parque Natural da Enciña da Lastra son os novos proxectos que, para Adega, poñen en cuestión a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. Estes proxectos agresivos para o patrimonio histórico e natural xunto co abandono e falta de protección perxudican e mesmo poñen en perigo a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade pola Unesco, segundo denuncia a asociación ecoloxista. 

Por esta razón, Adega reclama a protección deste espazo único e sinala que “non é posíbel reclamar esta distinción e que ao tempo siga sendo o polígono industrial de Iberdrola e GN-Fenosa ou o cemiterio de millóns de € públicos en infraestruturas superfluas para engordar ás construtoras”. 

Para que o Comité do Patrimonio Mundial lle dea o visto bo á candidatura alén dos valores patrimoniais ten que contar con outra serie de condicións como un sistema de protección que faga que a súa salvagarda está garantida. A Ribeira Sacra tería que cumprir tamén os requisitos de “integridade e autenticidade” alén de informar sobre as posibilidades de degradación e o nivel de conservación e protección. Adega lembra que a Unesco é contundente no tema como se contempla nas súas directrices referidas tanto a materiais físicos como valores naturais.  “Tememos que tanto pasadas actuacións como os proxectos agresivos que arestora ameazan a este espazo provoquen que a UNESCO non acredite na seriedade da candidatura”, denuncian.

Comentarios