Na conclusión do xuízo, @s 4 independentistas decláranse "inocentes" e denuncian a vulneración dos seus dereitos á defensa

Finalizou a vista oral que desde a segunda feira se seguía na Audiencia Nacional contra catro indepentistas acusad@ de pertenza a banda armada, tenza de explosivos e falsificación documental. @s imputad@s fixeron esta quinta feira uso da palabra para se declararen “inocentes de todos os cargos” e denunciar a “vulneración do seu dereito á lexítima defensa”

Un por un, María Osório, Eduardo Vigo, Roberto Fialhega e Antóm Santos fixeron uso do seu dereito de palabra no epílogo do xuízo que se seguiu esta semana contra eles na Audiencia Nacional e que esta quinta feira quedou visto para sentenza. @s catro declaráronse “inocentes de todos os cargos”. Aliás, @s catro -que enfrentan cargos que suman penas que totalizarían 64 anos de prisión- denunciaron a vulneración do seu dereito á lexítima defensa.

A defensa incidiu en que "non hai armas, non hai ameazados, non hai vítimas, non hai extorsión..." para deducir que "non hai, logo, banda armada"

Unha denuncia que xa realizara unha hora antes o avogado Manuel Chao, letrado de dous dos acusados, Eduardo Vigo e Roberto R. Fialhega 'Teto', e que interveu nesta quinta feira. Na xornada anterior producíranse as quendas do Ministerio Fiscal e dos avogados de María Osório e Antóm Santos.

“Non puidemos facer nin unha soa pregunta aos peritos do servizo de intelixencia”

Chao sinalou que, na súa opinión, non houbo un “xuízo xusto e imparcial”. E debullou unha serie de exemplos que, ao seu entender, avalaban a afirmación. Así, fixo referencia a que “esta defensa non puido facer nin unha soa pregunta aos peritos dos servizos de intelixencia” presentados pola acusación. “Falaron máis dunha hora un e media hora outro e non puidemos intervir nin unha soa vez nin sometelos a preguntas”.

 Manuel Chao, avogado defensor, denunciou que “os peritos propostos por nós non puideron practicamente participar no plenario”.

O avogado destes dous imputados tamén impugnou todas as traducións do galego ao español que hai no sumario. Fano pois, sinala, un funcionario “recoñeceu que a tradución incorporada a este informe foi feita por unha persoa non titulada nin en galego nin en portugués”.

Referencias constantes a persoas non imputadas

Mais no transcurso destes catro días houbo tamén circunstancias que, recoñece a defensa, non deixaron de abraialos. Así, apunta Manuel Chao, os seus defendidos e os outros dous imputados apenas foron citados na vista oral. “Non se falou deles, nin de que posto ocuparían nesa suposta organización, nin que facían, nin como foron captados,...”

O avogado sinala o feito de que a Fiscalía apenas citase nestes días @s acusad@s:"Non se falou deles, nin de que posto ocuparían nesa suposta organización, nin que facían,...”

No entanto, proseguiu o letrado da defensa, “aquí citouse a persoas que en palabras da propia Garda Civil viven na legalidade, están localizadas e accesíbeis: Arias Curto, Miguel García... mais non foron citados, nin o Ministerio Fiscal os chamou a declarar...”

“Non hai probas de existencia de banda armada”

Para Chao ficou claro que non hai probas “nin indicios probatorios sólidos” que indiquen a existencia dunha banda armada en Galiza. Apuntou a que hai accións violentas anarquistas en Catalunya, Madrid... que son maiores ás que o Fiscal da Garda Civil atribúen aos independentistas; mais non son declaradas terroristas. "Non hai armas, non hai extorsión, non hai ameazados nin victimas", indicou Chao. Polo que, concluíu, non hai organización terrorista.

“Se hai en Galiza unha soa persoa que tema pola sua vida por estes actos...que veña deus e o vexa”, dixo Manuel Chao.

O xuízo ficou visto para sentenza.

Comentarios