O BNG rexistrou no Parlamento galego unha iniciativa para pedir o indulto dos dous sindicalistas, Serafín Rodríguez e Carlos Rivas condenados a tres anos de cárcere pola súa participación nun piquete informativo en Vigo durante a folga do transporte de mercadorías en 2008.
O grupo parlamentario nacionalista solicita un pronunciamento do Parlamento galego e a petición ao Goberno do Estado e Consello de Ministros “con carácter inmediato o indulto dos dous sindicalistas condenados”.CIG, UGT e CC.OO solicitaron do Consello de Ministros a concesión do indulto, o que foi denegado o pasado mes de decembro.
Os dous traballadores afectados atópanse á espera de que o Xulgado lles comunique o ingreso en prisión, logo do cal terán un prazo de 10 días para facelo efectivo.
Sinaturas
A petición de indulto ía avalada pola sinatura de miles de cidadáns que consideran esta condena de carácter ideolóxico, “coa que se pretende criminalizar e reprimir as protestas da clase traballadora e que os movementos sociais e sindicais non lle fagan fronte ás políticas regresivas en dereitos”.
O grupo parlamentar do BNG considera que o Parlamento de Galiza, “como representante da cidadanía galega debe pronunciarse inequivocamente a favor de que o Consello de Ministros tome en consideración a petición que acaban de reclamar os sindicatos maioritarios e miles de cidadáns galegos, petición que este grupo comparte”.
O BNG defende no Parlamento instar ao Goberno Galego a que se dirixa ao Goberno do Estado a fin de solicitar, con carácter inmediato, do Consello de Ministros a concesión da “medida de graza” de indulto aos sindicalistas, Serafín Rodríguez e Carlos Rivas.