Pontevedra a un máximo de 30 Km/hora, modelo de seguridade viaria

Na cidade de Pontevedra, está prohibido circular a máis de 30 km/hora. O número de a mortalidade por tráfico no casco urbano leva xa anos sendo cero cunha espectacular baixada do número de accidentes. Varias liñas de actuación do modelo de Pontevedra son para ADEGA, claves para mellorar a seguridade viaria. 

camiñosescolares
photo_camera camiñosescolares

O proxecto “Metro-minuto” que promove o transporte a pé, o programa camiños escolares ou a limitación xeralizada a 30 km/hora, participando da iniciativa europea encamiñada a dar vida ás rúas, son algunhas das liñas desenvolvidas no Concello de Pontevedra que ADEGA defende como eficaces na mellora da seguridade viaria na súa proposta de actuación dun transporte sustentábel. 

ADEGA lamenta que tanto que no Plano de Mobilidade Viaria Estratéxica 2010-2015 se insista no transporte por estrada, de maneira especial, nas “vías de alta capacidade” malia, ao seu ver, contarmos xa no país con 1.000 km destas infraestruturas, por riba da media europea, 34 fronte a 16 km por 1000 km2. “Pretende aumentar no seu horizonte de aplicación as vías de alta capacidade até os 2.300 km, co obxectivo de que, como expuxera no seu momento o Presidente Feijóo, o 80% da poboación galega fique a menos de 20 minutos dunha vía de alta capacidade”, sinalan desde ADEGA, no que definen como “miopía das políticas públicas a respecto das infraestruturas de transporte, maioritariamente por estrada, que semellan seguir sendo un dogma de fe incuestionábel”. 

Transporte ferroviario 

Para a asociación ecoloxista é urxente que as políticas públicas focalicen as súas prioridades no campo da mobilidade no transporte ferroviario, con repercusión na seguridade viaria, en especial, na rede de proximidade fronte a prioridade que se establece coa alta velocidade. Reclaman, deste xeito, que se garanta a conexión entre as cidades galegas fronte ao “caduco modelo radial capitalino”

Como propostas concretas para a mellora da seguridade viaria, ADEGA recolle o obxectivo de evitar o urbanismo de dispersión, reducindo a mobilidade obrigada. Para quen se teña que desprazar, reclama a creación de condicións favorábeis para desprazamento sen motor, a pé ou bicicleta, o “pedibus” para crianza ou o metro-minuto de Pontevedra poderían ser exemplos a seguir neste apartado. Neste mesmo camiño, ADEGA aposta por eliminar os coches das cidades, con aparcadoiros disuasorios no perímetro das vilas, control dos límites de velocidade e encarecemento das prazas de estacionamento. “En Pontevedra, por exemplo, a mortalidade por tráfico no casco urbano reduciuse a cero hai xa anos, e o número de accidentes caeu espectacularmente dende a implantación xeralizada do límite de 30 km/hora”, sinalan. 

Ademais de seguranza, a redución de consumo de enerxía e diminución de contaminación viría dada por afortalar os medios de transportes públicos de maneira que o 75% dos desprazamentos se puideran facer por estes medios. 

Comentarios