O BNG exixe no Parlamento a fin das leis de excepción aplicadas ás pres@s independentistas

Mediante unha proposición non de lei e unha pregunta á Xunta, a formación frontista exixe que a Cámara e o Goberno galego reclamen a Madrid a fin da incomunicación, da dispersión, do uso abusivo da prisión preventiva "como castigo engadido" e da aplicación "sistemática" do primeiro grao a este colectivo
que voltem a casa co BNG
photo_camera Reunión do BNG con Que voltem á casa! [SG]


O grupo parlamentar do BNG vén de apresentar unha proposición non de lei para o seu debate no Pleno do Parlamento e unha pregunta á Xunta de Galiza en que pretende coñecer cal é a situación dos sete cidadáns galegos que cumpren prisión preventiva en cárceres de fóra do País e sen seren xulgados.

Tomando como referencia as persoas que actualmente fican encarceradas, no caso do sindicalista Telmo Varela esta situación vense prolongando xa durante dous anos. Outros como Eduardo Vigo, Antom Santos ou Roberto R. Fialhega 'Teto' están presos desde finais de 2011. Máis recentemente foron encarcerados Xurxo R. Olveira, Carlos Calvo (setembro de 2012) e Adriam Mosqueira 'Senlheiro' (xaneiro de 2013).

Pres@s por feitos "que non foron probados nin xulgados"

A este colectivo de pres@s, imputad@s pola "presunta comisión de delitos de violencia de móbil político", aplícaselles "sistematicamente" o primeiro grao utilizando a prisión preventiva "como anticipo dunha pena por feitos que non foron probados nin xulgados". Para alén do sinalado, e en virtude da Lei antiterrorista española, fican tamén clasificad@s en réxime FIES-3, propio de persoas vinculadas con organizacións armadas.

Denuncia o BNG na súa proposición que a incomunicación é máis un risco común durante as súas detencións, acrecentando que con ela o Estado español "viola normas internacionais de dereitos humanos", particularmente en materia de prevención da tortura e que primeiro ratificou, como o Pacto internacional de dereitos civís e políticos.

Como derradeiro trazo común nas detencións de militantes do independentismo galego, a formación frontista denuncia a dispersión, situación que "non supón só un castigo engadido" para as persoas privadas de liberdade, "contrario á finalidade reeducadora e reinsertadora" da prisión preventiva, senón tamén para familiares e amizades, obrigad@s a se desprazaren centos de quilómetros "para efectuar unha visita de 50 minutos". 

Demandar "a derrogación das leis de excepción" en todas as instancias

Cálculos da plataforma cidadá Que voltem á casa! en novembro do ano pasado, cando @s pres@s eran doce, revelaron que a dispersión aboca a percorrer cada ano a distancia equivalente a rodear 14 veces a TerraNa xuntanza mantida a finais de xaneiro con Que voltem á casa!, o BNG manifestou o seu compromiso a seguir demandando en todas as instancias en que está representado, "a derrogación das leis de excepción que impoñen a incomunicación dos detidos, o achegamento a Galiza e a prevención e persecución da tortura".

Xa o fixera en novembro no Congreso d@s deputad@s, elevando a deputada Rosana Pérez ao Executivo que encabeza o PP a pregunta de "Que medidas vai adoptar o goberno para achegar @s pres@s á Galiza?". Agora, mediante a proposición non de lei e as preguntas que entraron en rexistro o 26 de febreiro, procurará que o Parlamento galego inste o Goberno español a "pór fin ao uso abusivo da incomunicación" e "evitar o uso sistemático do réxime pechado contra un colectivo de presos".

Para alén do anterior, a formación frontista reclama, así mesmo, "pór fin á política de dispersión penitenciaria e que os presos sexan internados en centros da Galiza para evitar o seu desarraigamento social", "modificar a lexislación de excepción para evitar o uso abusivo da prisión preventiva como anticipo de pena" e "garantir a aplicación do Protocolo Garzón contra a tortura".

Comentarios