Vista para sentenza o xuízo, após María Pardo admitir "un erro político enorme"

O xuízo contra sete concelleir@s de Compostela ficou visto para unha sentenza que decidirá tamén o futuro do goberno municipal de Compostela. A voceira do grupo popular, María Pardo, admitiu como “un erro político enorme” aprobar en xunta de goberno o pagmento da defensa de Adrián Varela, o concelleiro imputado na Pokemon. 

Candidatura do PP en Compostela Foto:PP
photo_camera Candidatura do PP en Compostela Foto:PP

Apurado xa o tempo no que a lei permitiría convocar eleccións anticipadas para escoller un novo goberno na capital galega, o xuízo contra @s sete concelleir@s do grupo do PP no goberno abre a incógnita do que acontecerá en canto se saiba a sentenza.

A vista oral contra sete concelleir@s do PP  por prevarización durou por volta de sete horas e rematou coa intervención do avogado da defensa insistindo en que a decisión de pagar con cartos públicos a defensa de Adrián Varela se tomou conforme a dereito, remitíndose aos informes do secretario e interventor mentres a fiscalía reiterou a súa petición e nove anos de inhabilitación para @s edís imputad@s. 

Condición que non se contempla

O código ético do PP veuse abaixo no xuízo que se está a realizar en Compostela contra sete concelleir@s sentad@s esta segunda feira no banco d@s acusad@s ao tempo que continúan no exercicio dos seus cargos. Malia coincidir cunha defensa conxunta, unha das declaracións saíuse de maneira chamativa do guión que buscaba a exculpación recoñecendo o “erro político” da decisión aprobada en xunta de goberno de pagar con cartos municipais a defensa de Adrián Varela. Trátase da declaración da voceira do PP, María Pardo, a única que afirmou a inconveniencia política da medida que agora leva a boa parte do goberno municipal ao xulgado. Porén, insistiu en que os delitos que se lle imputaban a Varela se debían ao “exercicio do seu cargo”. O alcalde, Angel Currás, presente en boa parte da vista, afirmou no seu remate ter “esperanza” na sentenza. 

Un dos argumentos repetidos na vista, entre outras pola concelleira Cecilia Sierra, insistía en que o pagamento da defensa de Varela estaba condicionado a súa inocencia e, de non ser así, tería que reembolsar os cartos ao Concello. Malia iso, as condicións non aparecen no documento aprobado pola xunta de goberno. A fiscalía reiterou que o grupo de edís sentados no banco d@s acusad@s eran conscientes de que se trataba dun “caso de corrupción”. 

A presenza dupla de persoas responsábeis da intervención e da secretaría como testemuñas deixou á vista tamén a cuestionada xestión do goberno municipal de Compostela. Tanto o anterior secretario como a anterior interventora foran destituídos dos seus cargos e acusaran o goberno municipal de relegal@s das súas funcións administrativas por intereses políticos. 

A tensión viviuse no xuízo e, en varias ocasións, o xuíz chamou a atención ao grupo de acusad@s polos seus xestos e comportamentos. O xuízo abre a porta a un novo episodio na historia do máis controvertido goberno de Compostela desde as primeiras eleccións municipais. Á vista asistiu tamén o anterior alcalde, Gerardo Conde Roa, que deixou o goberno da capital galega nunha situación que, contra o previsto, aínda se ía complicar máis. A tal hora, poucas son as saídas para o futuro do concello se a sentenza saír inculpatoria para sete dos edís do grupo de goberno. Sen que a dimisión se materializase até esta xornada na que se produce a vista oral, unha sentenza inculpatoria deixaríaos inhabilitados, co cal abriríanse dúas posibilidadades para o ano que resta até as próximas eleccións, esgotar a lista da candidatura do PP ou que o goberno municipal pase a mans dunha xestora cidadá. 

En todo caso, o xuízo dos edís puxo en cuestión o “código ético” do PP coa imaxe d@s concelleir@s declarando no banco d@s acusad@s sen que se dese ningún movemento por parte do partido do presidente da Xunta, Núñez Feijóo.

Comentarios