Sermos nº94: o paro afunde o mito da recuperación

O taxazo de Sogama, a 'navallada' da A76 á Ribeira Sacra, Rodri Suárez e o seu libro sobre os Diplomáticos, as mulleres no xadrez galego... Todo isto e máis na nova entrega do semanario Sermos Galiza. Podes obtelo tamén na nosa loxa 

Capa_SG94

Máis un número do Sermos Galiza nos quiosques e rúas do país. E van 94. Os dados da EPA (cun paro que en Galiza xa roza as 300.000 persoas) enterran o mito da recuperación económica que se estaba a vender desde Moncloa e Monte Pío. Eis un dos temas centrais a debullar neste Sermos, mais non o único. Así, tamén falamos da revolta dos concellos contra o taxazo de Sogama. Unha oposición que vai alén do económico para se preguntar que outras alternativas hai na xestión dos recursos.

Máis cousas: pomos o foco sobre os convenios 'envelenados' entre Educación e Defensa, analizamos o traballo desenvolvido pol@s europarlamentari@s galeg@s nesta lexislatura que acaba, e viaxamos até a Ribeira Sacra para falar coa súa veciñanza sobre o que vai supoñer a A-76, unha infraestrutura deseñada en Madrid e de costas a esta zona.

Lidia Senra: “É a hora do pobo”

A candidata de AGE asina un artigo sob o título 'È a hora do pobo'. Entrevistamos o novo presidente da Mesa, Marcos Maceira, e falamos co mago Martín Camiña. E a un futboleiro, socio do Dépor e do Lugo, que vai vivir dunha forma moi especial o derbi galego de Segunda División.

Tamén ten cabida neste número do semanario as actuacións a prol de que Serra do Galiñeiro sexa declarada Parque Natural, ou ben a unidade de Galiza e Portugal contra a liña de alta tensión.

Rodri Suárez e Xurxo Souto. 'Non temos medo'

Xurxo Souto e Rodri Suárez falan para Sermos Galiza de 'Non temos medo. Historia oral dos Diplomáticos de Monte Alto', o libro do xornalista que vai editar Nicetrip. E ofrecémosche un adianto neste número!

Mais non acaba aquí este nº94: percorremos o Mandeo ao seu paso por Aranga da man de Viaxes na Miña Terra, falamos do Carballo Interplay...


 

Comentarios