"Abonda xa". Esta é a mensaxe clara e contundente de que as máis de 60 entidades que conforman a Alianza Socia Galega (ASG) queren trasladar aos gobernos do PP a respecto da vaga de recortes e agresións a dereitos laborais, sociais e cidadáns. A ASG fixo un chamamento á cidadanía a participar nas mobilizacións convocadas para o vindeiro xoves, día 20 de decembro, nas principais cidades e cabeceiras de comarca.
Con estas mobilizacións con que se queren denunciar as políticas antisociais que está a adoptar o goberno do PP. Medidas como a revalorización das pensións, os recortes na sanidade e no ensino públicos e a contrarreforma ideolóxica que representan a LOMCE ou Lei de taxas xudiciais. Como parte das reivindicacións tamén estará a exixencia de reformar da normativa hipotecaria para pór fin ao drama dos desafiuzamentos e lograr a dación en pagamento.
A convocatoria foi presentada polos secretarios xerais da CIG, Suso Seixo; de UGT, José Antonio Gómez e CCOO, Xosé Manuel Sánchez Aguión, así como por representantes doutras organizacións integrantes na Alianza.
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo denunciou que todas as medidas que se veñen impoñendo, lonxe de axudar a saír da crise, provocaron un incremento do desemprego, da precariedade e da exclusión social e lembrou que as previsións para os próximos anos non permiten tampouco ser moi optimistas. Alén diso, subliñou que o PP está a aproveitar a crise para introducir o modelo ideolóxico “da dereita máis reaccionaria do Partido Popular”. Un modelo que cualificou de “inxusto, clasista e centralista”.
Hora e lugar das mobilizacións:
- A Coruña. Delegación do goberno. 19:30 horas
- Ferrol. Edificio da Xunta de Galiza. 19:30
- Compostela. Praza de Galiza. 19:30
- Lugo. Subdelegación do goberno. 20:00
- Burela. Praza da Mariña. 20.00
- Ourense. Subdelegación do goberno. 19:30
- Pontevedra. Subdelegación do goberno. 19:30
- Vilagarcía. Praza de Galiza. 20:00
- Vigo. Marco (Rúa do Príncipe). 20:00
Podes ler aqui o manifesto da ASG