Dereitos Civís, o colectivo que presentou a queixa diante do Valedor, recibiu en resposta da institución o escrito que lle remitira ao Concello de Santiago no que lle recomenda “a resolución favorable daquelas peticións que soliciten o enganche dos equipos de megafonía cos puntos de luz de subministro eléctrico para facilitar a lectura de manifestos nas reunións legalmente convocadas. O concello terá que remitir resposta ao valedor no prazo dun mes, en cumprimento do disposto na lei do Valedor do Pobo”.
A recomendación do Valedor do Pobo chega despois das reiteradas negativas do goberno municipal rexido polo PP e presidido por Ángel Currás que impediron a lectura de manifestos finais con megafonía en máis dunha ducia de manifestacións e concentracións. As denegacións foron anuladas por autos xudiciais. A resposta do Valedor do Pobo chega despois de que Dereitos Civís presentara unha queixa diante do Parlamento Galego pola “neglixente actuación do Valedor do Pobo no asunto en cuestión”.
Dereitos Civís lembran que o Valedor do Pobo chegara a afirmar, despois de que se solicitaran novos autos xudiciais para autorización da megafonía nos puntos do subministro eléctrico que fora grazas a súa intervención que se solventara o “asunto controvertido”.