Vence denuncia que Galiza perderá 308 millóns da PAC pola política do PP

O sector agrogandeiro galego supón un 6% da produción do Estado máis só recibe o 3,2 % das axudas. Xavier Vence denunciou que se perderán para 308 millóns no reparto de axudas da PAC polos criterios establecidos polo goberno de Rajoy. 

Xornada sobre a PAC
photo_camera Xornada sobre a PAC

Nunha xornada aberta que se desenvolveu este sábado en Castro de Ribeiras de Lea, o voceiro do BNG, Xavier Vence volveu insistir no prexuízo para Galiza que as liñas establecidas polo goberno central están a supor no reparto de axudas da Política Agraria Común (PAC). O sector supón no conxunto do Estado o 6%  de produción e un 16% de persoas dedicadas á gandería e agricultura máis só recibe o 3,2 % en axudas, perdendo no período 2014 a 2020 un total de 308 millóns de euros da PAC. O sector agrogandeiro perdeu, segundo datos que expuxo Vence, 11.70 empregos co actual goberno do PP na Xunta. 

“Feijóo acepta que o sector perda 308 millóns de euros para o desenvolvemento rural sen cuestionar uns criterios que perpetúan un status quo que discrimina ao campo galego na distribución das axudas da PAC”,  denunciou Xavier Vence, na xornada que, xunto coa FRUGA, organizou este sábado o BNG no Concello de Castro de Rei. Segundo os cálculos ofrecidos polo voceiro nacionalista, de se aplicaren os criterios de Francia, o sector leiteiro tería o dobre de recursos que os que ten agora “pola submisión de Feijóo aos criterios de Madrid que favorecen á agricultura doutras partes do Estado en detrimento de Galiza”. 

Plan de Desenvolvemento Rural 

A proposta do BNG para darlle a volta a esta situación é a aprobación dun Plan de Desenvolvemento Rural que xetionará 890 millóns de euros. Para Vence é imprescindíbel que este plan sexa pactado co sector e as forzas parlamentares, que se destine á transformación do produto coa creación de pequenas empresas e que se empregue para mobilizar terra improdutiva. 

Nun acto aberto que contou cunha ampla presenza de público do sector, o voceiro nacional do BNG partillou da rolda de contactos directos cos distintos sectores produtivos que está a desenvolver co fin de debater e recoller opinións e propostas para a elaboración do programa electoral para as eleccións europeas. 

Compensación para o sector leiteiro 

Especial atención prestoulle o voceiro nacionalista ao futuro próximo do sector leiteiro, unha vez que o sistema de cotas lácteas remate en maio de 2015 coa liberalización total. Vence alertou do risco da entrada a menor prezo de leite excedente doutros países como Francia ou Holanda o que reventaría o mercado para o produto galego. 

“A isto hai que engadir o alto endebedamento das explotacións galegas, precisamente para comprar cota leiteira e adaptarse a un sistema que desaparece polo que o Estado español destinará anualmente 94 millóns de euros para o sector lácteo, que o Bloque propón que dese fondo se compense aos gandeiros galegos que fixeron investimentos en adquirir unha cota que agora queda en papel mollado”, defendeu dun país que posúe 350.000 das 800.000 vacas leiteiras do Estado, é dicir, un 43,75%.

 

Comentarios