Neste 25 de abril, 'Rianxo, Vila-Morena'

A vila mariñeira acolle o 25 de abril unha concentración veciñal para cantar o 'Grândola' de José Afonso. Será fronte o busto de Castelao ás 19:30 horas.

A memoria de Zeca na rúa
photo_camera A memoria de Zeca na rúa

Zeca Afonso cantou por primeira vez o 'Grândola, Vila-Morena' ao vivo en Galiza, nun concerto no vello Burgo das Nacións de Santiago de Compostela do ano 1972. Daquela era só unha cantiga para erizar a pel e levantar o corazón. Dous anos despois (1974) a cantiga sería tamén para erguer o puño, como tonada da Revolución dos Caraveis. Para Zeca, e así o escribiu e dixo en máis dunha ocasión, Galiza era unha especie de Patria persoal, para nada relacionada "coa Espanha". Por iso neste país o 'Grândola' e o Zeca foron, e son, palabras maiores.

Esta sexta feira, 25 de abril, hai unha convocatoria chamando a unha concentración veciñal en Rianxo. A cita é ás 19:30 horas perante o busto de Daniel Castelao (Paseo da Ribeira). O motivo da xuntanza popular, que a veciñanza da vila mariñeira cante o 'Grândola' a unha soa voz, tal e como saben cantar (e ben, moi ben) nos portos. @s convocantes chaman aos e ás rianxeiras a acudir a este acto e cantar a canción de Zeca por tres motivos: Lembrar a Revolución dos Caraveis, celebrar a aprobación da ILP 'Paz Andrade' para promover o aproveitamento da lingua portuguesa na Galiza, e para protestar (cantando) contra o IVE cultural.

Comentarios