A mensaxe de Öcalan foi lida, en curdo e turco, por dous deputados do BDP ante milleiros de persoas reunidas en Diyarbakir, a capital de Curdistán Norte, para celebrar o Newroz, o Aninovo curdo. O dirxente do PP pediu aos e ás combatentes: “Deixade as armas e marchade fóra das fronteiras de Turquía”. Na mensaxe sinalaba que “comeza un novo tempo. Un tempo no que comezan os dereitos democráticos, a liberdade e a igualdade. As armas deben calar”.
“O derrame de sangue turco e curdo ten que se deter. Non serán as armas, senón a política quen fale”. Oçalan entende que “non é tempo de guerra, senón de alianzas e compromisos”.
Este histórico anuncio abre a porta a encetar unha solución para o conflito entre Curdistán e o Estado turco, unha guerra que nos últimos 30 anos custou a vida a 45.000 persoas.
Máis de 7.000 combatentes
Nas últimas semanas, Öcalan, fundador do PKK (que en 1984 se ergueu en armas contra a ocupación turca) tería mantido contactos e reunións en prisión con membros dos servizos secretos turcos, para procurar a posibilidade de chegar a un cesar o fogo.
O primeiro ministro turco, Recep Tayyip Erdogan, deu garantías hai unhas semanasde que o exército non atacaría a milician@s curd@s durante un posíbel replegue cara o Curdistán baixo sobranía iraquí.
Desde o PKK afirman que a metade dos seus 7.000 milician@s permanecen no Curdistán vbaixo administración turca, e a outra metade trala fronteira iraquí.