O debuxante Kiko da Silva pintou ao vivo unha versión de ‘A derradeira leición do mestre’ de Castelao, para reivindicar o verdadeiro significado da obra e facer honra ao representado nela: Alexandre Bóveda. Foi na Sala de Castelao do Museo de Pontevedra, onde está depositada a lámina de ‘A derradeira leición do mestre’ – que nestes días está en Compostela na exposición onde tamén está o cadro- . Un acto para respostar ao sucedido esta cuarta feira, cando Feixoo obviou a represión facista e o asesinato de Alexandre Bóveda na recepción do óleo pintado polo rianxeiro.
“Non se debe tentar cambiar a realidade nin a historia nin as circunstancias que levaron a crear esta obra”, manifestou Kiko da Silva, que lembrou que Castelao pintou o cadro no exilio e en homenaxe ao seu amigo e compañeiro de militancia nacionalista Alexandre Bóveda.
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, afirmou neste ato no Museo que “non queremos que se esqueza a memoria das persoas asesinadas”. De por parte, Xosé Leal, deputado provincial de Cultura e Lingua, incidiu en que “temos que loitar por que a obra de Castelao volva á nosa Terra".