O rastro dun libro único

A derradeira lección do brigadista: o combatente da Abraham Lincoln que homenaxeou Castelao

Nove estampas de Castelao figuran no pequeno libro homenaxe que se publicou en California en 1939 na memoria do correspondente e membro das brigadas internacionais James Phillips Lardner, caído no Ebro en 1938. Sinaturas como a de Ernest Hemingway ou Ring Lander Jr figuran neste obra, da que se editaron só 500 exemplares. Deles, só un, e temporalmente, está en Galiza.

castelao lardner

“Lardner foi o derradeiro estadounidense en alistarse e o derradeiro en morrer”Vincent Sheean, novelista e correspondente de guerra, resumiu así o breve paso do seu amigo James Phillips Lardner (1914-1938) polas brigadas internacionais. Lardner, xornalista do New York Herald Tribune, optou por cambiar a máquina de escribir polo fusil e alistarse na brigada Lincoln para combater o fascismo en España. En maio de 1938 chegaba a Barcelona canda Ernest Hemingway e Sheean, procedentes os tres de París. Na capital catalá uníase á III compañía do Batallón Abraham Lincoln, integrada por voluntarios estadounidenses, maiormente comunistas. Apenas catro meses despois, o 23 de setembro, o derradeiro día de combate desa brigada na Guerra Civil española, caeu abatido nun enfrontamento cos franquistas cando realizaba a súa última patrulla. O seu corpo nunca foi recuperado.

Lardner foi o derradeiro estadounidense en alistarse nas brigadas internacionais e o derradeiro en morrer, xusto o día antes da retirada destas

Para honrar a memoria de Lardner editouse en 1939 en California ‘Somebody had to do something, a memorial to James P. Lardner’, un pequeno libro de 24 centímetros e  41 páxinas do que se imprimiron unicamente 500 exemplares. Textos de escritores e correspondentes na Guerra Civil como Ernest Hemingway, Jay Allen ou Vincent Sheean. Tamén de Ring Lardner Jr, irmán do brigadista falecido, guionista de prestixio (dous Óscar) que estivo na ‘lista negra’ de Hollywood polo seu compromiso de esquerdas. Tres achegas españolas (de ‘La Pasionaria’, ‘El Campesino’ e o ministro republicano Jesús Hernández) completan os textos

CASTELAO BRIGADISTA

“Supervivintes”

Mais nese pequeno libro tamén destacan as ilustracións. Son 9 reproducións extraídas do álbum ‘Galiza Mártir’ de Castelao, cos seus respectivos pés en galego e inglés. “Supervivintes”, “A derradeira lección do mestre” ou “Queiman, rouban e asasinan no teu nome” son algúns dos debuxos que enmarcan e dan forza á escrita do memorial. O prestixio de Castelao na propaganda de guerra contra o franquismo era ben coñecido tamén en Estados Unidos, onde o rianxeiro se atopaba facendo campaña contra o golpe.

A documentalista e profesora da UDC María Antonia Pérez non dubida en cualificar a obra de “xoia bibliográfica”

Daqueles 500 exemplares editados hai case 80 anos en Estados Unidos, en Galiza non hai ningún, que se saiba. No Estado español, e que se saiba, só hai un exemplar: está na biblioteca da Universidade de Girona, onde chegou doado por Raimon Panikkar (1918-2010), filósofo, teólogo e escritor catalán que foi profesor na universidade de Harvard. Este exemplar é o que se cedeu á Fundación Luis Seoane para a mostra ‘Como se imprime un libro’, que pode verse até finais deste mes de abril na Coruña. A documentalista e profesora da Universidade da Coruña María Antonia Pérez non dubida en cualificar a obra de “xoia bibliográfica” e considera un luxo que poida verse en Galiza. “Non é doado que unha institución ceda pezas tan importantes”.

Xenerosidade e compromiso

james lardner brigadista castelao

O historiador Miguel Seixas, autor de ‘Biografía dun construtor da nación’, o título da máis extensa e profunda tentativa sistemática de pescudar na vida e na obra de Castelao; viaxou até a Universidade de Pensilvania para poder ver e estudar un exemplar este libro. A presenza das estampas do rianxeiro reflicten o coñecemento que alén das fronteiras do Estado español había da obra de propaganda de guerra do rianxeiro. “El nunca puxo atrancos a que se empregasen as súas imaxes”, afirma Seixas, mentres explica que hai un amplo abano de publicacións e revistas de diferentes países que naqueles anos da contenda recollen ilustracións dos álbums de Castelao. Nin na obra nin no epistolario do galeguista hai cita ou referencia a ‘Someboby had to do something’, confirma Seixas.

“On the american dead in Spain” é o título do texto que Ernest Hemingway escribiu para ‘Somebody had to do something’. O futuro premio Nóbel coñeceu ben o que foi a Guerra española, que cubriu sobre o terreo como correspondente e que reflectiu, aliás, no que moitos consideran a súa mellor obra,  ‘Por quem os sinos dobram?’. “On the american dead in Spain” é unha homenaxe sincera, na figura de Lardner, aos norteamericanos que combateron e morreron combatendo o fascismo no Estado español. Por volta de 2.800 estadounidenses combateron contra Franco na Guerra Civil. Uns 800 deles morreron durante a contenda.

‘The life and death of James Lardner’ é a achega de Ring Lander Jr (1915-2000). Irmán de James, este guionista que recibiu dous Óscar (‘A muller do ano’ en 1942; ‘MASH’ en 1970) desenvolveu desde novo unha intensa e comprometida militancia de esquerdas. Albo da ‘caza de bruxas’ do macartismo, en 1947 tivo que comparecer na HUAC, - Comisión de actividades antiamericanas-  a causa da súa ideoloxía. Foi un dos ‘Dez de Hollywood’, persoas do mundo do cinema represaliadas pola súa ligazón co movemento comunista. Ring Lander Jr negouse a ser un delator e non quixo declarar perante o HUAC polo que foi condenado a 12 meses de prisión, sufrindo posteriormente vetos e censura durante anos por parte da industria do cinema.

CASTELAO LARDNER

“Castelao nunca puxo atrancos a que se empregasen as súas imaxes” de propaganda antifranquista por parte de revistas, semanarios e publicacións, calquera que fose o país onde se editasen ,explica o historiador Miguel Seixas

Crónicas de guerra

Outra firma no libro é a de Jay Allen (1900-1972). Tamén, como Lardner, Sheean ou Hemingway; correspondente na Guerra Civil. Mais el chegou ao Estado español antes ca o resto, en 1934, para cubrir a reforma agraria en Estremadura. Foi detido por denunciar nunha reportaxe para o ‘Chicago Daily News’ a represión do goberno republicano contra os mineiros revolucionarios de Asturies. O 27 de xullo de 1936, ao pouco de se producir o golpe de estado franquista, entrevistou Franco en Tetuán. Pouco despois realizou a última entrevista que se lle fixo a Primo de Rivera, preso no cárcere de Alicante, e que sería fusilado 3 de outubro. O seu artigo máis coñecido é ‘Matanza de 4.000 en Badaxoz, cidade dos horrores’, no que describiu a represión a lume e ferro dos franquistas cando tomaron a localidade estremeña. A peza está considerada unha das máis importantes crónicas de guerra da historia. ‘Bloodflows in Badajoz’ é o seu texto no libro-homenaxe a Lardner.

Por volta de 2.800 estadounidenses combateron contra Franco na Guerra Civil. Uns 800 deles morreron durante a contenda

‘Puigcerdá’ é a achega de Vincent Sheean, xornalista do New York Herald que cubriu a Guerra Civil, novelista e amigo de Lardner; en ‘Somebody…’. O libro complétase con tres textos máis, estes procedentes do Estado español: ‘Letter to a Child’, do comunista e xeneral do exército republicano  Valentín González ‘El Campesino; ‘Goodbye, brothers, till our speedy reunion’, de Dolores Ibárruri ‘La Pasionaria; e ‘Speech to the italian prisioners’, de Jesús Hernández, fundador do PCE e un dos seus dirixentes até que foi purgado en 1944 por enfrontamentos coa dirección. Entre 1937 e 1938 foi ministro de Instrución Pública e Sanidade da República

CASTELAO OBRA LARDNER

Os 9 debuxos de ‘Galiza Mártir’(1937) enmarcan e reforzan os textos con estampas do terror fascista en Galiza. Un álbum que o rianxeiro adicou “aos galegos que andan pol-o mundo” . El propio explicou o que era este traballo de denuncia: “Estas estampas, arrincadas da miña propria door, van dirixidas a vós que sempre amáchedes a liberdade e sodes a única reserva que nos queda para reconstruir o fogar desfeito”. Uns debuxos que tamén serviron para honrar un combatente antifascista de Chicago que unha tarde de setembro de 1938 perdeu a vida nun outeiro perto do Ebro, aos 24 anos de idade.

“En toda sociedade e en todo momento histórico un reducido círculo de homes e mulleres sabe como actuar. Dentro dese grupo hai un círculo aínda máis cativo que sabe cando actuar. E entre eles hai un número aínda máis pequeno que sabe por que actúan. Os homes e mulleres da Brigada Lincoln sabían como, cando e por que actuar"Anthony L. Geist.

Comentarios