Esta terza feira (26 de maio) inaugurouse no Museo Provincial de Lugo a exposición “70 anos do Consello de Galiza. O goberno galego no exilio”. Unha mostra composta por 8 paneis e diversos materiais orixinais que afondan na constitución, evolución e o papel que xogou o Consello de Galiza como organismo de representación institucional do pobo galego creado no exilio.
Unha iniciativa pola que pulou Alfonso Daniel Rodríguez Castelao na altura de 1944 e cuxa historia serve para coñecer o recoñecemento de Galiza como nación.
A mostra permanecerá no Museo até o 14 de xuño
Para alén dos materiais que compoñen a exposición a Fundación Moncho Reboiras presentará a vindeira semana un vídeo de 12 minutos que, a modo de documentario, explicará a historia do Consello de Galiza. Asemade, organizará unha conferencia da man do historiador e profesor Uxío Breogán Diéguez Cequiel que terá lugar no propio Museo de Lugo o 4 de xuño e que levará por título “O exilio de Castelao e o Consello de Galiza. 70 anos”.
Na presentación estiveron presentes o delegado de Cultura e Turismo da Deputación, Mario Outeiro, o director da Fundación Moncho Reboiras, Manuel Mera e o propio Diéguez Cequiel que acompañaron as persoas achegadas na visita da exposición neste seu día inaugural.