12 de agosto, roteiro da memoria

Pola xeografía ulloá da barbarie

No territorio quedan marcas da barbarie. Lugares que foron escenario da imposición fascista. Ou onde viviron os resistentes. Trazos dunha memoria insurxente, ao cabo. Nas bisbarras da Ulloa e Melide, unha presa de asociacións e colectivos convocan este domingo a un roteiro para lembrar os defensores da democracia.
 

inauguración monolito Díaz Baliño
photo_camera Inauguración en 2008 do monolito que lembra Camilo Díaz Baliño e Sixto Aguirre na parroquia de Saa, en Palas de Rei. Foto: dogranaopan.blogspot.com

O Roteiro homenaxe ás vítimas da represión partirá ás 12 da mañá da aldea de Saa, no Concello de Palas de Rei. Un monolito lembra, desde 2008, que alí apareceron os cadáveres do pintor e escenógrafo Camilo Díaz Baliño, militante do Partido Galeguista, e máis do estudante Sixto Aguirre, afiliado a Izquierda Republicana. Foran paseados o 14 de agosto de 1936.

A comitiva desprazarase despois a Vilouriz, en Toques. Renderá homenaxe ao ebanista da CNT e da FAI Marcial Villamor Varela. Detido en Lugo, foi asasinado en Guntín en 1937 cando os captores o levaban para Compostela.

Tamén en Toques, na parroquia de Vilamor, será recordado o Curuxás. Ramón Rodríguez Varela, anarcosindicalista, foi un dos poucos guerrilleiros antifranquistas que non mataron. Natural de Palas de Rei, morreu en Vilamor dun ataque ao corazón. Era xa 1967.

Outro membro da CNT, Delfino Liñeiro Fraga, nado en Toques contra 1907, foi executado na Coruña ao ano do alzamento fascista. Será homenaxeado na súa aldea, Piñeiro. E de alí a Curbián, de novo en Palas de Rei, onde a Garda Civil asasinou ao comunista Benedicto Fuentes Díaz, tenente do Exército Guerrilleiro de Galiza, en febreiro de 1946.

Xa en Ramil, pertencente ao Concello de Agolada pero ao pé do río Ulla, finalizará o roteiro. Será co recordo de Primo Castro Vila, alcalde de Agolada durante a II República e destituído o 3 de agosto de 1936. Escapou da represión e morreu na parroquia de Brántega (Agolada) en 1950. Un xantar na Fundación Eira da Xoana, alí en Ramil, porá o cabo á xornada.

Na organización do roteiro participan Eira da Xoana ou Adega e súmanse asociacións coma O Galo de Compostela.

Comentarios