Multitudinaria protesta de traballador@s públic@s en Madrid contra os recortes

Na Galiza, CIG convocou para esta segunda feira unha xuntanza con CC.OO. e UGT na procura dun chamamento conxunto ás rúas o 19 de xullo para dar "unha resposta aínda máis contundente" ás medidas impostas por Rajoy
photo_camera Imaxe: @ivanxil

Centos de traballador@s da función pública secundaron unha mobilización este domingo á última hora do serán en Madrid. Percorreron varias rúas da cidade após serlles vetado o acceso ao Congreso e á sede do PP en Génova, ambos lugares completamente blindados pola policía.

Segundo informou esta segunda unha emisora de radio española, a convocatoria chegou a través das redes sociais e a idea era acampar diante do Parlamento, mais, obrigad@s a mudar os plans, botáronse a andar e cortaron o tráfico. Da protesta fixeron parte empregad@s públic@s de todos os eidos, desde docentes e persoal sanitario até bombeir@s e policías. A berros contra o Goberno central, pediron a demisión de Rajoy.

Mentres, na Galiza, após chamaren á folga e convocar concentracións e cazoladas en todos os puntos do país para o 19 de xullo --quinta feira-- o sindicato CIG acordou manter esta segunda unha xuntanza coas centrais CC.OO. e UGT de cara a unha chamada conxunta ás rúas. Sinalou CIG que, "ante a gravidade das medidas anunciadas", cómpre unha resposta "aínda máis contundente".

E recordan no seu comunicado os últimos recortes do Executivo español, apoiados polo galego: a diminución da prestación por desemprego a partir dos seis meses do 60 ao 50%; de incrementar os impostos indirectos subindo o tipo xeral do IVE do 18 ao 21% e o reducido do 8 ao 10%; suprimir a paga extra de decembro na función pública; reducir as empresas e fundacións públicas; delimitar a prestación de servizos por parte dos concellos, reforzando a cambio as deputacións; de liberalizar o sector servizos e os horarios comerciais; ou privatizar os sectores de transporte ferroviario, portuario e aeroportos.

Máis en Mundo
Comentarios