O Banco Central Europeo non mercará bonos españois

O ministro alemán di que son especulacións a posibilidade de que o BCE merque débeda española á fin de reducir o tipo de xuro e confirma 30.000 millóns de euros adicionais no rescate á economía española. 

Nos últimos días barallábase na prensa estatal e internacional a posibilidade de que o Estado español --xunto coa Italia de Mario Draghi-,  fose rescatado no seu conxunto polos fondos europeos ou mesmo que o Banco Central, mercase bonos da débeda española para reducir a presión dos mercados financeiros sobre a economía do estado.

O ministro alemán de finanzas, saiu ao paso das “especulacións” como denominou ás informacións que se barallaban nos últimos días e negou  nunha entrevista concedida ao diario alemán Die Welt am Sonntag unha posíbel intervención do Banco Central Europeo nas economías española e italiana. Segundo o ministro de finanzas alemán, Wolfgang Schäuble, o tipo de xuro que está a pagar o estado español “é doloroso e crea unha grande incertidume” a respecto da capacidade da economía española para pagalo, mais, “non é a fin do mundo”, asegurou o ministro alemán --quen expresa sen pudor a súa tranquilidade ante os tipos de interese que gravan a economía alemá, os máis baixos da eurozona. 

Neste senso, Wolfgang Schäuble, argumentou que a grave situación á que se expón a economía da zona euro verbo das altas cotas de xuro que alcanzou a economía española, levaron a aprobar como “colchón de seguridade” 30.000 millóns adicionais ao memorando de entendemento, isto é, o documento que estabelece a cantidade total e as condicións do rescate financeiro ao estado español. Segundo o ministro alemán, o obxectivo desta contía, sería prever unha posíbel urxencia financeira de carácter inmediato.

Máis en Mundo
Comentarios