Territorios

O PP de Catalunya súmase á voz de Madrid e prepara unha campaña contra o soberanismo

Focada en rebater o argumentario a prol dun estado propio e do dereito a decidir, farana pública en setembro. Desde o Congreso, o titular de Facenda aproveitou a quenda de resposta ao Grupo Mixto no debate dos Orzamentos en dicir a Euskal Herria, Catalunya e Galiza que ''non é o momento de mirar o embigo" e que "a resposta é a superación de visións nacionalistas''

O PP de Catalunya prepara unha campaña contra o soberanismo que farán pública no mes de setembro. Segundo o que explicou a presidenta desta formación política no País catalán, Alicia Sánchez-Camacho, o argumentario vai enfocado a rebater cada un dos argumentos a prol dun estado propio e do dereito a decidir. Trátase de consignas para respostar ao #novullpagar, negar que a solución para Catalunya sexa o concerto económico e denunciar o alto custo que teñen as embaixadas.

Será en setembro cando Artur Mas, presidente da Generalitat, exixa o pacto fiscal na Moncloa, polo que a idea d@s conservadores é lanzar a campaña para ese mes. O formato fica aínda por decidir, dixeron, mais adiantaron que terá notable presenza na internet e nas redes sociais.

As mensaxes en contra das vindicacións soberanistas chegan tamén desde Madrid. O ministro español de Facenda, Cristóbal Montoro, centrou a súa resposta no debate dos Orzamentos --que sacou adiante cos votos que lle dá a maioría absoluta e o visto e prace do Foro por Asturias, escisión do PP, e UPN, con quen compartiron listas até o 2008-- en calar as peticións de soberanía política e económica como resposta á crise que chegaron do Grupo Mixto, onde conflúen Amaiur, Geroa Bai, ERC e o BNG.

Así, Montoro ocupou a súa media hora de resposta a estas formacións políticas en defender o centralismo, con medidas recentralizadoras xustificadas nas "desigualdades entre territorios" e a intervención das comunidades que superen o déficit como pano de fondo. "Non comparto esa visión de que se foramos independentes o problema estaría solucionado. A resposta é máis Europa, máis integración e máis superación de visións nacionalistas", dixo o titular de Facenda ás voces que desde Euskal Herria, Catalunya e Galiza reclamaban soberanía --o BNG tildou as contas de "deriva centralista e antisocial"--. "Non é o momento de mirar o embigo nin de crear países artificiales", insistiu Montoro.

Alardeando da "fortaleza" da maioría absoluta, o ministro español tivo palabras tamén para o resto. Avisou de que quen non cumpra co obxectivo do déficit será intervida, e considerou que o Estado está "desequilibrado" en cuestións como a renda per cápita, polo que apostou por impor "políticas correctoras", sen explicar en que consistirán tales políticas e como afectarán ás contas dos territorios.

Máis en Mundo
Comentarios