PROTESTAS

Outras oito detencións no desaloxo da Porta do Sol en Madrid polo aniversario do 15M

Xa son case 30 as persoas arrestadas nos últimos tres días por se concentraren nesta praza fóra do horario autorizado polo Goberno español, de doce da mañá a dez da noite. Xuntábanse para faceren asembleas e decidiren as accións con que celebrarían o aniversario do 'movemento d@s indignad@s'

Polo menos oito persoas que participaban esta madrugada na asemblea do movemento 15M na Porta do Sol de Madrid foron detidas durante o desaloxo da praza, segundo a policía española. Foi a terceira noite en que @s indignad@s desafiaron a prohibición de ficaren concentrad@s despois das dez da noite, e foi tamén a terceira vez que @s desaloxaron, cadrando desta volta co aniversario das acampadas.

O primeiro desaloxo realizárono na madrugada do sábado ao domingo, coa detención de 18 manifestantes que xa fican en liberdade con cargos. No segundo desaloxo, na madrugada da segunda feira, houbo dúas detencións e estas persoas fican tamén en liberdade tras pasar varias horas nunha comisaría. E o terceiro foi nesta madrugada, cando 40 furgóns de antidisturbios da policía española entraron a gran velocidade na Porta do Sol, onde ficaban máis de cen persoas --mocidade na súa maioría-- celebrando unha asemblea que se disolveu en poucos minutos. Tamén decenas de persoas que pasaban pola praza tiveron que abandonala, sen teren nada que ver coas protestas.

Máis en Mundo
Comentarios