Catalunya advirte que o veto do Congreso non freará o proceso independentista

A lei de consultas deseñada polo Parlament de Catalunya chega ao Congreso, onde se vai debater esta terza feira 8 de abril. As forzas soberanistas teñen claro que a maioría parlamentar do Partido Popular tombará a iniciativa lexislativa. Porén, esclarecen que o veto español "non parará a vontade" do pobo catalán. Así o avanzou o president da Generalitat, Artur Mas. 

Sant Feliu de Llobregat
photo_camera Sant Feliu de Llobregat [ANC]

As forzas unionistas, encabezadas polo Goberno español, defenderán no Congreso "a unidade de España", indicou María Dolores de Cospedal, mais desde o soberanismo catalán lembran que está é unha só unha vía, "hai catro máis". 

E é que a Assemblea Nacional Catalana xa fixou na súa folla de rota, aprobada esta fin de semana, o camiño a seguir se a consulta non chegar a bo porto. O movemento popular que impulsa o proceso independentista catalán xa olla no albo para o 2015, data na que cren podería declararse, mesmo de maneira unilateral, a independencia. 

Visibilizar a vontade de entendemento

Mais para Catalunya o debate que terá lugar nas Cortes españolas na terza feira non é unha derrota. O seu obxectivo é visibilizar que o proceso visa contar "co Estado". No entanto, lembran a Madrid que "a diferenza de hai 100 anos non somos uns poucos os que queremos facer moito" senón "moitos os que queremos facer moito". Así se expresou o president da Generalitat de Catalunya, Artur Mas. 

Aertur Mas:"A diferenza de hai 100 anos non somos uns poucos os que queremos facer moito" 

Así, representantes do poder lexislativo catalán viaxarán á capital española "con vontade de entendemento". Serán Jordi Turull (CiU), Marta Rovira (ERC) e Joan Herrera (ICV-EUiA) @s encarregad@s de defenderen a lei de consultas acordada polo Parlament perante as forzas políticas que compoñen o hemiciclo madrileño. Unha Cámara na que o PP impedirá que Catalunya poida convocar o referendo de autodeterminación. 

PP e PSOE defenderán a unidade territorial

"Sobre España e os españois deciden todos os españois", salientou a secretaria xeral do PP, María Dolores de Cospedal, avanzando que o seu partido rexeitará a proposta lexislativa. Aliás, lanzou un chamado ao PSOE para que "estea á altura" e visibilice que os dous partidos maioritarios "defenderá xuntos España". E previsibelmente así será. Alfredo Pérez Rubalcaba defenderá a oposición da súa formación á Lei de consultas catalá e recuncará na idea defendida pol@s socialistas, isto é, unha reforma constitucional coa que integrar todas as sensibilidades no Estado español. Unha opción que desde Catalunya non se valora. 

Cospedal: "Sobre España e os españois deciden todos os españois"

De ser rexeitada a consulta popular, as organizacións políticas que impulsan o proceso advirten que continuarán a traballar a prol do referendo e procurarán novas vías que permitan o pobo de Catalunya "decidir o seu futuro" o 9 de novembro. Asemade, non descartan aprobar unha declaración unilateral de independencia que tensionaría o Estado español e mesmo podería activar o procedemento legal fixado na Constitución de 1978 coa suspensión da autonomía para Catalunya. 

"Se por algunha daquelas casualidades alguén fai unha animalada para prohibir a consulta", recalcou o portavoz de CiU no Parlament catalán, Joan Torrel, "todas as forzas políticas que estamos a impulsar o proceso reuniriámonos para para ver cal é a alternativa máis eficaz para que Catalunya poida decidir o seu futuro", concluíu. 

Máis en Països Catalans
Comentarios