Dous concellos de Catalunya declaran a súa independencia do Estado español

Sant Pere de Torelló e Calldetenes aproban unha moción na que solicitan ao Parlament de Catalunya que declare a súa independencia do Estado español. As votacións foron por unanimidade e co apoio total de concelleiros e concelleiras de ERC, CiU e CUP. Outros municipios solicitaron o texto e pensan convocar plenos extraordinarios.
Veciños e veciñas de Sant Pere de Torelló diante do concello
photo_camera Veciños e veciñas de Sant Pere de Torelló diante do concello

"Pola presente, dirixímonos ao Parlament de Catalunya, en xeral, e a todos os seus grupos parlamentarios, en particular, para que a Cámara catalá asuma, de forma unilateral e a todos os efectos, a plena soberanía da nación catalá, na perspectiva da constitución dun estado catalán ceibe, independente, democrático e social". Deste xeito comeza o texto aprobado onte en Pleno polos concellos cataláns de Sant Pere de Torelló e Calldetenes diante do que consideran "un contexto de emerxencia nacional" e no que se declaran "territorio catalá ceibe". 

As razóns que figuran no documento aprobado remiten ás consultas populares de 2009 e ao "deterioro social e económico" froito de "pertencer ao Estado español" todos estes anos. A nivel económico aseguran que "o espolio fiscal supón 16.000 millóns de euros para Catalunya e 5.582.000 euros a nivel local". 

A moción presentarase noutros municipios nos vindeiros días 

Referendo en dous meses
No texto das mocións solicítase primeiro que o Parlament de Catalunya vote unilateralmente unha declaración de independencia ou convoque un referendo no prazo de dous meses. En segundo lugar emprender accións inmediatas como crear rexistros civís, mercantís e da propiedade ademais dunha facenda e un banco nacional propios. Por último solicitan a reorganizacións dos símbolos, forzas de seguridade, leis de defensa do idioma e a declaración do día 12 de outubro como día laborábel.

O texto completo da moción foi publicado por varios medios de comunicación de Catalunya.

Imaxes: Concello de Sant Pere de Torelló

Máis en Països Catalans
Comentarios