Europeas en 2014, municipais en 2015, xerais en decembro de 2015, xerais outravolta en xuño de 2016, galegas en setembro de 2016. Este tour de force eleitoral pasará aos anais como unha das maiores probas de estrés para as forzas políticas da historia. Unha proba de lume non só para as organizacións partidarias, senón tamén para o eleitorado. 2017 pode supor un ponto e aparte neste empacho eleitoral, sempre e cando, como parece probábel, o PP consiga o seu obxectivo de ver aprobados os orzamentos. Está no camiño de o lograr, cun achegamento cada vez maior ao PNV.
Abondarían os cinco escanos da formación soberanista que lidera Urkullu para Rajoy ter a posibilidade de apresentar as contas no Congreso con hipóteses de suceso. Certo é que cos 5 asentos do PNV o PP non acadaría a maioría absoluta do Congreso (ficaría en 175: 137 propios, 32 de Ciudadanos e 1 de Coalición Canaria), mais a oposición tampouco tería a metade máis un de membros do Congreso. Así as cousas, o empate podería ser unha vitoria para Rajoy: na terceira votación con igualada decaerían as emendas á totalidade e apartir de aí podería o PP negociar partida a partida.
Iso é o máis probábel, así que sen eleccións de por medio o taboleiro abandonaría a batalla polos votos e abriríase paso o tempo da reflexión e o debate internos.
[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 228, á venda na loxa e nos quiosques]