23 de abril: manifestación nacional polo arquivo da causa da ‘Operación Jaro’

O proceso contra os 9 independentistas encausados continúa aberto, embora a Audiencia Nacional decretase a fin da suspensión de Causa Galiza. Están acusados de “enaltecemento do terrorismo” e “integración en banda armada”.

causa galiza manifestación Foto GZcontrainfo
photo_camera Foto GZcontrainfo

As 9 persoas encausadas na ‘Operación Jaro’ convocan unha manifestación nacional para demandar o arquivo da causa que a Audiencia Nacional mantén contra eles desde hai 17 meses, unha mobilización que terá lugar o vindeiro 23 de abril. Embora que a Audiencia Nacional revogase en decembro de 2016 a ‘ilegalización’ de Causa Galiza, o tribunal mantivo o proceso contra os nove independentistas, acusados de “integración en banda armada” e “enaltecemento do terrorismo”.

Este colectivo vai dirixirse nos vindeiros días aos axentes políticos e sociais de Galiza para informarlles da actual situación do proceso que se segue contra eles e, ademais, solicitarlles o apoio para a manifestación do 23 de abril. Unha mobilización que toma o relevo da que decorreu en xaneiro de 2016 contra a ilegalización de Causa Galiza e que reuniu centos de persoas en Santiago de Compostela. Máis de 80 axentes políticos e sociais denunciaron ao longo destes meses o proceso contra a organización independentista.

Prolongar a investigación

Chao Dobarro, avogado das persoas encausadas, explica en conversa con Sermos Galiza que está a piques de finalizar o primeiro período de investigación, estimando que pode estar concluída en “catro ou cinco semanas”, sendo entón a quenda das partes (defensa e fiscalía” para se pronunciar. Tres son os escenarios que se poden dar, indica o avogado. “Que se prorrogue a investigación seis meses máis, que se arquive a causa, ou ben que e abra xuízo oral”. A defensa xa solicitou o arquivo da causa contra estas nove persoas.

Esta mesma semana houbo unha resolución do Xulgado interesando sobre pronunciamento das partes a respecto dunha ampliación do prazo de investigación. A Defensa oponse a este alargamenro e reiterará petición de arquivo da causa. 

Desde a contorna das persoas acusadas lembran que as acusacións que se barallan nesta fase contra elas poden abranguer entre 10 e 20 anos de prisión para cada un. De non se arquivar a causa, podería darse un escenario dun xuízo no que para cada un dos encausados houbese un ‘paquetes personalizado’ de acusacións.

Comentarios