Alcaldes do BNG exixen a devolución do diñeiro ‘’roubado’’ polo taxazo de Sogama

Reclaman a reunión urxente da FEGAMP e non descartan accións xudiciais para recuperar un sobrecusto de 80.000 € por cada 10.000 habitantes”.

ALCALDES BNG CONTRA TAXAZO SOGAMA 1

Os alcaldes do BNG piden a retirada inmediatado incremento do canon de Sogama e a devolución do diñeiro “roubado ilegalmente aos veciños e veciñas”. Unha cuantía que os propios rexedores cifran en 80.000 euros anuais de sobrecuste por cada 10.000 habitantes. A modo de exemplo, o taxazo supón para Monforte un incremento de 150.000 euros na factura de recollida de lixo, 260.000 euros para Carballo ou 80.000 euros para Ribadeo.

“As contas de Sogama son falsas, unha mentira”, denunciou o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, “quen se equivoca nun 85% na previsión orzamentaria ou é un incapaz ou minte”, argumentou.O BNG xa ten solicitado a reunión urxente da Comisión de Residuos da FEGAMP, á que demanda que actúe “con contundencia en defensa dos concellos”.

Os rexedores nacionalistas non descartan a vía xudicial para lograr a retirada do taxazo e a devolución “dun sobreprezo xustificado nunha contabilidade falsa”. O BNG volverá levar este tema ao Parlamento. “Pedimos o cese do presidente de Sogama pola súa actuación neglixente e falsaria, que agocha a intención de facer caixa a costa dos concellos e da cidadanía”, denunciou a deputada nacionalista, Ana Pontón.Pontón insistiu en que se trata dun modelo “fracasado e insostible desde o punto de vista económico e ambiental”, e subliñou que os concellos gobernados polo BNG están traballando en modelos alternativos como xa fixo Rianxo, abandonando Sogama para ir a planta de reciclaxe de Lausame, ou Allariz que vai pór en marcha un sistema de recollida de lixo porta a porta.

Na comparecencia de prensa estiveron presentes os alcaldes de Ribadeo, Fernando Suárez, San Sadurniño,Secundino García, Monforte, Severino Rodríguez, e Carballo, Evencio Ferrero, así como a deputada Ana Pontón e a secretaria de Política Municipal, Goretti Sanmartin.

Comentarios