Cerna consultará as súas bases se queren escindirse de Anova e formar outro partido

O sector crítico que lideran Luís Eyré e López Rico submeterá a referendo a hipótese de abandonar a formación integrada en AGE que lidera Beiras e gaña forza a idea de que se constitúa nunha nova organización cuxos pactos poderían ser distintos aos de Anova. 

Mario López Rico
photo_camera Mario López Rico

Unha escisión de peso ameaza a Anova após a asemblea que tivo lugar a semana pasada e na que o sector oficial de Mariño Noriega e Xosé Manuel Beiras se impuxo ao crítico, organizado en Cerna (logo de que pouco antes a FOGA abandonara a organización) e que ficou con apenas dous representantes na dirección, o que -como se esperaba en moitos ambientes- abre a porta á marcha daqueles que están representados por Luís Eyré ou Mario López Rico, nunha corrente que consultará ás súas bases esta semana sobre a súa posíbel marcha.

A decisión saberase o vindeiro domingo, pero sábese que a corrente é favorábel ás Mareas pero non ao pacto fixo con Esquerda Unida e está por ver se pode achegarse ao BNG

Segundo o comunicado que fixo público Cerna este sábado logo dunha xuntanza en Compostela: “Na práctica da radicalidade democrática someteremos a votación mediante referendo telemático entre toda a militancia a cuestión da súa continuidade en Anova e a constitución de Cerna en partido político. As preguntas que se trasladarán á militancia serán: “Está de acordo en que Cerna abandone Anova?”. “Está de acordo en que Cerna dea os pasos para constituírse en partido político?”.

O referendo realizarase entre a quinta feira, 23 de outubro, e o domingo, 26 de outubro, e será organizado pola Comisión de Coordinación de Cerna, nunha consulta que indica que podería gañar a opción de organizar outra forza nacionalista, favorábel ás Mareas, pero non tanto aos pactos estábeis con Esquerda Unida e que mesmo podería chegar a acordos co BNG, aínda que as posturas seguen distanciadas e primeiro terá que pronunciarse a afiliación de Cerna.

Comentarios