YOLANDA DíAZ

“Dáme mágoa que os galegos e as galegas digan que estamos no grupo de Podemos”

A deputada de En Marea e coordenadora nacional de Esquerda Unida afirma, nunha entrevista no 'Galicia por Diante' (Radio Galega), que “o peor que se pode facer” é integrarse no grupo mixto. “Ninguén quere estar”.

Yolanda Díaz Radio Galega
photo_camera Yolanda Díaz na entrevista na Radio Galega Imaxe: @GxDRadioGalega

Yolanda Díaz, deputada de En Marea no Congreso español, confesou esta cuarta feira que lle dá “magoa que os galegos e galegas digan que estamos no grupo de Podemos”. Díxoo durante a entrevista no programa 'Galicia por Diante', da Radio Galega, onde reiterou que “En Marea non estamos no grupo de Podemos”, e engadindo que “a miña portavoz é Alexandra Fernández” e non Pablo Iglesias.

A ubicación de En Marea foi un dos temas da entrevista, con Yolanda Díaz defendendo a presenza da coligazón galega no grupo 'confederal' e non no Mixto após que “PSOE, Cs e PP” lles “negasen” ter grupo propio. Ir ao grupo mixto “é un erro", dixo a deputada, "o peor que se pode facer, coñecendo a maquinaria do Congreso, é meterse no Grupo Mixto. Ninguén quere estar e ímolo ver: no grupo mixto a capacidade política que tes é intervir unha vez ao ano”.

 “En Marea é a organización que máis se está visualizando”

Preguntada polo xornalista e director do programa, Kiko Novoa, sobre se non tiña a sensación de que “se diluiu” a voz propia que “ía ter En Marea”, Díaz mostrouse en desacordo (“non comparto en absoluto o que dis”, díxolle) e defendeu que En Marea era a “organización que máis se está visualizando”, afirmando que “gostaría saber que fai Rojo (deputada galega do PP) ou Cancela (congresista do PSOE por Galiza)”. A tamén coordenadora nacional de Esquerda Unida sí que recoñeceu que había que "mellorar a comunicación e visualización” do grupo, unha liña xa exposta por outros acotores da coligazón entre Podemos, Anova e Esquerda Unida.

“Nunca Galiza tivo este nivel de representación”

Díaz defendeu que Galiza “nunca tivo o nivel de representación” que ten agora con En Marea, “nunca Galiza tivo ese papel”, e anunciou unha serie de medidas e iniciativas que presentaran ou ían presentar: desde unha comisión de investigación sobre o accidente de Angrois a propostas para o naval ou o sector lácteo. Sobre o 'anexo' coas propostas de En Marea que non aparecían no documento de negociación de Podemos, a deputada explicou que nun primeiro momento “deslígase o marco xeral”, para posteriormente “baixar ás propostas concretas” para Galiza. Peguntada polas declaracións de Beiras nas que falaba de falta de coordinación, dixo que descoñecía as declaracións, mais que a existencia de desaxustes ou diferenzas é lóxico cando “somos 3 organizacións e un elenco de mareas”.

"Somos segunda forza de Galiza e primeira en Catalunya"

Repetir En Marea

Partidaria de repetir a experiencia de En Marea, Yolanda Díaz sinalou que a xente “quere unidade” e que ela propia é partidaria de “incorporar máis actores” á coligazón. “Somos segunda forza de Galiza e primeira en Catalunya”, concluiu.


 

Comentarios