O ex deputado David Fernández Calviño anuncia que nas próximas semanas abandonará Anova

Faino após a asemblea da organización, marcada pola baixa participación e polo incidente protagonizado por mozos de Xeira. Fernández Calviño foi parlamentar de AGE -deixou o seu escano en 2013 para continuar a súa carreira como investigador en Dinamarca- e en maio de 2016 concorreu nas primarias de En Marea de escolla das candidaturas ao Senado.

David Fernández Calviño
photo_camera David Fernández Calviño, durante un mitin.

No seu FB, o ex parlamentar de AGE David Fernández Calviño -que apareceu como suplente nas listas de En Marea ao Senado nas xerais do pasado mes de xuño_ anuncia destarte que nas próximas semanas vai abandonar a militancia en AGE:

"Onte o meu amigo Carlos Lorenzo anunciou que se daba de baixa en Anova. Eu mentalmente fíxeno hai meses... fareino oficialmente nas próximas semanas unha vez resolva algunhas cousas que teño pendentes. É unha mágoa... mais Anova xa non é (quizais nunca foi) a organización que quixen axudar a construír. Sorte aos que continúan no barco!!!".

O seu amigo Carlos Lorenzo é Carlos de Alongos, concelleiro en Toen por Son de Toen (candidatura municipalista) e candidato de AGEe nas europeas de 2014 e de En Marea nas xerais de decembro de 2015. Carlos de Alongos tamén anunciou esta segunda feira no seu FB que deixaba a militancia na formación de Beiras co argumento de que nos últimos a "dirección da organización levou adiante unha estratexia de patada e para adiante que levou á práctica desintegración da vida orgánica e do abandono de militancia e do compromiso militante de moitos compañeiros de viaxe". 

Carlos de Alongos aponta tamén para a "a actuación de cargos orgánicos do partido" no proceso de conformación das candidaturas de En Marea nas eleccións ao Parlamento galego de setembro de 2016. "A competencia, a hipocrisía, o sectarismo e desprezo cara aos que disentimos, non caben nun proxecto que se supón fraternal. A Irmandade que pretendiamos construír e que tanta ilusión espertou en min, ficou sepultada en aras do tacticismo e de algunha miseria humana. Sen fraternidade non é posible gañar as loitas que temos por diante".

O concelleiro explicita no seu FB que o feito de a súa baixa e a de Fernández Calviño cadraren no tempo é unha "coincidencia".
 

Comentarios